Liña de axuda para os fogares galegos que reciben a TDT por satélite

xoves, 8 de febreiro do 2024 Redacción

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai lanzar unha liña de axudas para apoiar ás 4.300 vivendas, espalladas por 260 concellos galegos, que poderían estar afectadas por estar en zona de sombra e teñen que adaptar os seus televisores tras o apagamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT) de definición estándar que se vai producir a vindeira semana.
A partir do 14 de febreiro, tal e como marcou o Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública, vaise producir o apagamento da tecnoloxía SD da TDT, é dicir, só poderá verse a televisión en alta definición (HD), de xeito que a maioría da poboación galega unicamente terá que resintonizar as canles de televisión ou no caso de contar cun aparello anterior ao ano 2011 mercar un pequeno adaptador para poder acceder ao novo sinal.
O problema, segundo resaltou o presidente, está nas vivendas localizadas nas chamadas zonas de sombra ou áreas de exclusión da TDT zona III. Os veciños destas áreas están a recibir o sinal da TDT por satélite e agora deberán mercar un novo dispositivo cun prezo que ronda, de media, os 400 euros.
Rueda salientou que o Goberno autonómico «vai sufragar o 100%» do custo de renovar os equipos e a instalación nas primeiras residencias, até un límite de 400 euros. Mentres que se son segunda residencias, apuntou que a estes fogares poderáselles axudar até o 50% do custo, cun límite de 200 euros.
O mandatario galego salientou que esta achega terá carácter retroactivo, é dicir, aínda que o cambio de dispositivo se faga antes de que se publique a orde de axudas, bastará con acreditar o gasto para poder recibir a cantidade correspondente despois.

PUBLICIDADE