LinkedIn reforza a súa presenza en dispositivos móbiles

xoves, 24 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que cando falamos de plataformas de redes sociais tendemos a limitarnos a Facebook, Twitter, Tuenti, Google+ e outras semellantes, non podemos deixar de lado a que domina o sector profesional, LinkedIn, que nestas datas está a dar conta un estudio que desenvolveron nos EE.UU. e do que conclúen que o 82% dos norteamericanos consideran que os dispositivos móbiles incrementan a súa produtividade, chegando a asegurar o 70% dos profesionais que non poderían sobrevivir a unha xornada de traballo sen consultar o móbil.
No estudio detallan que o 72% dos americanos empregan o móbil para informarse das novas de máxima actualidade, o 84% dos estadounidenses de entre 18 e 34 anos acceden dende o móbil a contidos recomendados polos seus amigos e o 53% deste rango de idade tamén o aproveita na busca de emprego. En definitiva, o 80% dos traballadores nos EE.UU. cren precisar dos seus dispositivos móbiles para estar conectados cos seus empregos e coas súas redes profesionais, e aproveitando estes resultados, LinkedIn anuncia que vai potenciar o seu negocio móbil, por considerar que é cara onde vai o futuro da compañía.
Entre as novidades que estes días anuncia LinkedIn é a renovación da súa aplicación para iPad, que experimenta un redeseño completo para achegar unha nova experiencia visual e personalizada, aproveitando os cambios para engadir novas funcionalidades a través das novas seccións de Personas influyentes e Canales, que facilitan así o acceso a contidos de certa extensión que son aptos para a súa lectura en tablets. Tamén permite a busca de emprego dende a aplicación, para que os usuarios que prefiran atopar un novo traballo dende a intimidade que achega o tablet como dispositivo persoal (evitando así, por exemplo, o uso do ordenador da súa ocupación actual para tal fin).
E, pensando no móbil, tamén están a traballar nunha nova solución para o iPhone, LinkedIn Intro, que permite amosar os perfís de LinkedIn dentro da aplicación de correo electrónico, de xeito que cando recibamos unha mensaxe de alguén que non esteamos seguros de coñecer veremos a súa fotografía e un breve resumo profesional (como o seu cargo actual e anterior) axudándonos a distinguir se estamos ante unha mensaxe importante. Tamén podemos premer sobre a barra con información de LinkedIn para ampliala con máis información da persoa en concreto e detalles como as persoas que nos conectan co emisor da mensaxe. Esta nova funcionalidade está a chegar a Gmail, Google Apps, Yahoo! Mail, AOL Mail e iCloud dentro da aplicación de correo electrónico do iPhone, aínda que, polo momento, só na súa versión en inglés.


Vídeo de presentación de LinkedIn Intro

PUBLICIDADE