Lugo brinda 850 prazas de formación online para desempregados, ERTE e autónomos

luns, 15 de xuño do 2020 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, presentaron o pasado venres a iniciativa Fórmate Lugo. Trátase dunha nova plataforma online, dispoñíbel en formatelugo.com, a través da que o Concello ofrece 850 prazas gratuítas en 50 cursos de formación para lucenses desempregados ou en situación de ERTE, así como para autónomos en cese de actividade.
A rexedora dixo que Fórmate Lugo brinda “unha ampla oferta formativa en liña dirixida aos colectivos máis afectados polas consecuencias da crise, co obxectivo de incrementar os seus coñecementos, axudar a mellorar a súa empregabilidade, e promover a súa inserción laboral a través da formación en competencias e capacitación”.
Fórmate Lugo abrangue 14 áreas profesionais, poñendo a disposición dos lucenses obradoiros virtuais sobre idiomas, mercadotecnia, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a COVID-19, entre outros. O programa tamén porá o foco en materias ou áreas técnicas, como programación ou sistemas de bases de datos, “competencias moi demandadas na dixitalización que experimenta o mercado”, sinalou a alcaldesa.
Pola súa parte, o edil de Desenvolvemento Local e Emprego subliñou “a boa acollida que están a ter as diferentes programacións postas en marcha polo Executivo para facer fronte á crise do coronavirus entre o tecido empresarial e a cidadanía” e animou a todos os interesados a “aproveitar este novo recurso para mellorar o seu perfil profesional e ampliar os seus coñecementos e competencias investindo tempo en formación coa fin de adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo”.
O prazo para matricularnos nestas actividades formativas abre este luns 15 de xuño, ás 10:00 horas, a través da páxina web FormateLugo.gal. Os requisitos para realizar un curso son: ser maior de 16 anos, estar empadroado/a en Lugo e estar en situación de desemprego, afectado por un ERTE, ou ser autónomo en situación legal de cese de actividade, no momento da solicitude.
Os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñíbel as 24 horas do día, todos os días da semana, “para maior comodidade do alumnado”. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tableta ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.
As persoas que completen satisfactoriamente unha das actividades, recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo.

PUBLICIDADE