Lugo celebra cun magosto popular o emprendemento e a innovación

xoves, 22 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Quen queira albiscar novos camiños de emprendemento ao tempo que confraterniza con xente cos mesmos intereses e inquedanzas innovadoras, vai ter este venres 23 de novembro unha boa ocasión para facelo. O motivo? A celebración en Lugo, na explanada do CEI-Nodus, da primeira edición do Magosto Day Networking para Emprendedores. A cita, que dará comezo ás 19.30 horas, é de balde e está aberta a quen teña en mente (ou en desenvolvemento) unha iniciativa de mercado coa que abrir portas até o de agora pechadas, ou, tamén, a quen ande na procura de espazos onde intercambiar coñecemento, ideas ou propostas.
A actividade vén da man da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico que dirixe Ana Prieto.
Segundo explicou a edil, o I Magosto Day Networking para Emprendedores é unha quedada de motivación, organizada coa finalidade de “fomentar o espírito colaborativo e o traballo en equipo entre emprendedores e emprededoras”.
Asemade, dixo, búscase que “sexa unha cita na que se cree un ecosistema local focalizado na creatividade, na que establecer contactos e aproveitar sinerxías para mellorar as posibilidades de éxito”.
Ana Prieto aproveitou para facer un chamamento á veciñanza para participar no evento, unha xuntanza que é en si mesma unha proposta innovadora, polo que ten de buscar mesturas (mesturas axeitadas) entre unha celebración nosa tan típica como o magosto coa procura de novos xeitos de facer mercado. As persoas interesadas en participar na cita, que conta coa colaboración de AJE Lugo, Mulleres Empresarias e a cafetería Garabolos, poden facelo a través de correo electrónico.

PUBLICIDADE