Lugo impulsa con incentivos a contratación do alumnado dos obradoiros municipais TIC

mércores, 23 de agosto do 2023 S. P.

O Concello de Lugo fixo un chamamento ás empresas locais para solicitaren as axudas de 1.500 euros para a contratación do alumnado do obradoiro Lugo Sustentábel 5.0, que se está a impartir de forma presencial nas dependencias municipais do CEI Nodus. “O obxectivo destes incentivos é facilitar a inserción laboral das persoas que se están a formar no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, a mercadotecnia e a comunicación”, explicou a rexedora, Lara Méndez.
O obradoiro, que chegará ao seu remate –logo de 12 meses– a finais se setembro, está organizado pola área de Dinamización Económica e, durante o seu desenvolvemento as e os participantes están a recibir o salario mínimo interprofesional.
No obradoiro están matriculados 15 alumnos, de entre 26 e 69 anos. Conta con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web (5 alumnos); Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos (6 alumnos); e Xestión de marketing e relacións públicas (4 alumnos). As accións propostas contemplan a obtención do certificado de profesionalidade de Nivel 3.
“Tendo en conta o perfil do estudantado, o obxectivo é facilitar a súa reincorporación ao mercado de traballo, nun segmento profesional novo para moitas e moitos deles e cunha ampla demanda de profesionais”, incidiu Méndez.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou que os incentivos á contratación temporal por conta allea xa espertaron o interese dalgunhas empresas lucenses. “Teñen por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no obradoiro, xa que a contratación temporal terá unha duración mínima de 3 meses a tempo completo e deberá comezar nos quince días seguintes á finalización do mesmo, o vindeiro 29 de setembro”, indicou.
Repetto Morban informou tamén de que o prazo de solicitudes permanecerá aberto até o 8 de setembro. “Poderán ser entidades beneficiarias destes incentivos á contratación as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida no Obradoiro de Emprego”, afirmou o edil.
Os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 € por cada traballador/a, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa.
Toda a información atópase na páxina web municipal, onde tamén se encontra o formulario de solicitude que deben presentar.

PUBLICIDADE