Luis Huete sinala á rebeldía e o inconformismo como factores clave para mellorar as empresas

martes, 21 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou os días pasados un interesante ciclo de relatorios onde, a través de tres convidados de primeira liña en análise tecnolóxico-dixital, achegáronse claves de valor sobre como adaptarnos aos cambios que imprime a Sociedade do Coñecemento e, aínda máis, como tirarlles o máximo partido a nivel persoal, empresarial ou institucional. Estas xornadas sobre tecnoloxía, liderado e intelixencia emocional trouxeron a Compostela (máis polo miúdo á Facultade de Ciencias da Comunicación) a Enrique Dans, Emilio Duró e Luis Huete, cada un deles achegando o seu punto de vista particular sobre os pasos a seguir para sermos mellores usuarios de tecnoloxía ao tempo que contribuímos a crear unha Internet máis eficaz, solidaria, accesíbel e transparente.
A máis recente intervención foi a de Luis Huete, experto en dirección e adestramento empresarial, que apelou ao espírito de rebeldía que levamos dentro como método básico para encararmos unha aventura empresarial: “Son precisos reformistas e inconformistas para escachar o colo de botella no que se converteron as institucións e empresas”, dixo Huete na xornada do sábado 18 de xuño, derradeira das tres previstas e desenvolvida baixo o seguinte epígrafe: Transformando organizacións ao ritmo dos mercados. Ao seu xuízo, a Rede sírvenos como apoio de primeira orde para buscar novos camiños no que se refire á xestión e dirección corporativa ao tempo que pode ser, perfectamente, a xanela que nos dá visión directa ao que está pasando. Na súa opinión, é preciso facer ben tres cousas en canto á organización empresarial: un bo diagnóstico, é dicir, saber que está a acontecer; ter visión de futuro convincente e inspiradora, e ter capacidade de mobilizar xente. A xuízo de Huete, hai que deseñar morfoloxías novas de empresas que se adapten ao terreo, dependendo do eido no que se mova, e adaptarse a este. Como todo cambio, tanto de contido como de feitura, está claro que se pode provocar algo semellante a un vertixe, na súa opinión unha “certa néboa”, polo que é necesario que vaiamos a modiño e que fagamos (se é preciso) máis lento o ritmo da empresa.
Na nosa contra, en oposición a todo cambio en mans do tecnolóxico e da innovación, teremos o equivalente a todo cambio social ou cultural: un conxunto de valores que xa non teñen porqué seguir vixentes, aínda que o parezan, crenzas, prexuízos e demais. Na súa opinión, todo este lastre que inmobiliza e que de teimar en conservalo, pódenos levar á desaparición da empresa, transfórmase radicalmente cos novos símbolos e co papel que xoga “a exemplaridade dos directivos na boa marcha da organización”. Isto tradúcese, de xeito paradoxal, en algo que vén de antigo: contaxiar a ilusión.
Luis Huete, licenciado en Dereito, é profesor de IESE Business School desde 1982. Foi profesor nos programas Achieving Breakthrough Service e Advance Management de Harvard Business School (Boston). Como profeso visitante participa regularmente en programas da ESMT (Berlín), ISEM Fashion Business School (Madrid) e outras escolas de negocio de prestixio. Asemade, é autor de nove libros de referencia do management en España.

PUBLICIDADE