Máis cursos en liña para mellorar o uso de galego administrativo no funcionariado

xoves, 7 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de ampliar a oferta formativa en liña para o coñecemento de galego. Desta volta, e a diferenza da actividade da que falamos esta semana, non se trata de introducir no manexo básico da nosa lingua a aspirantes a obter os recoñecementos Celga, senón a persoas que xa contan con estes recoñecementos (de nivel medio e alto). Falamos dunha teleformación máis técnica para traballadores presentes e futuros da Administración galega.
En total, serán cinco cursos de linguaxe administrativa de nivel medio da modalidade de teleformación e cinco cursos de linguaxe administrativa galega de nivel superior na modalidade presencial. O prazo de presentación das solicitudes para as dúas modalidades de cursos remata o día 13 deste mes. Cada un dos cursos ten unha duración de 75 horas. Os da modalidade de teleformación desenvolveranse desde o 5 de setembro ata o 11 de novembro, mentres que os cursos presenciais terán lugar do 25 de abril ao 17 de xuño na Coruña e en Lugo, do 25 de abril ao 20 de xuño en Santiago de Compostela e do 15 de setembro ao 10 de novembro en Vigo e mais en Ourense.
A oferta de formación en galego que publica hoxe o DOG vén sumarse aos cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración pública de Galicia convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola EGAP o pasado mes de febreiro. Esta pasada convocatoria incluíu 17 cursos de nivel medio (13 en liña e catro presenciais) e 16 cursos de nivel superior na modalidade presencial.

PUBLICIDADE