Máis da metade das empresas bota man das opinións dos internautas na Rede 2.0

martes, 1 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

As redes sociais poñen en xogo vantaxes comunicativas para os internautas en xeral e, tamén, para as empresas. A fin de contas, ten a súa lóxica que así sexa: unha compañía de calquera índole que desexe saber o que a xente quere só ten que acudir aos espazos, reais ou virtuais, onde a xente conta iso que quere. De feito, moi mal lles iría se non o fixeran. Segundo un estudo desenvolvido por SPSS e reflectido xa nunha chea de medios en liña (neste ou neste outro), redes sociais como Facebook ou Twitter son a día de hoxe a mellor canle para localizar información de valor sobre o que demandan os consumidores. E cando falamos de información de valor falamos simplemente do que queda logo dunha longa peneirada onde fican fóra o que en definitiva é na actualidade o groso da Rede: palla.
No estudo de SPSS, empresa especializada en software e servizos de predicións, case o 55% das firmas dedican cada vez máis tempo e recursos a localizar e almacenar as respostas dos máis que posibles clientes a través das devanditas canles 2.0. Por se isto fose pouco, a tendencia é a que se incrementen eses departamentos das empresas dedicados en maior ou menor medida a asexar o que as redes sociais teñen de fiable: a porcentaxe aplicada a 2008 era do 48%.
As razóns de todo isto cumpriría atopalas na suposta veracidade do que se conta nas redes sociais, feito que en non poucos exemplos desemboca na expresión máxima da sinceridade. Ou sexa, que as empresas tiran partido dunha das grandes vantaxes da Rede 2.0: esta non só nos anima a que deamos a nosa opinión, senón a que digamos a nosa opinión verdadeira, e canto mellor exposta mellor.
Volvendo ao estudo, sinalar que o 80% dos enquisados considera que estes datos achegados polos consumidores están gañando cada vez máis importancia para o seu negocio, sendo do 78% a porcentaxe de firmas que cre que a información recollida sobre a resposta dos clientes debe ser compartida polos diferentes departamentos da compañía.

PUBLICIDADE