Máis da metade dos galegos usan as TIC para informarse de cuestións de saúde

venres, 19 de xaneiro do 2018 Redacción

Medra a actividade dos galegos no que se vén coñecendo como eSaúde (eHealth), o ámbito de confluencia no que a atención médica optimízase e faise máis eficiente, exacta e inmediata grazas á contribución das novas tecnoloxías dixitais. Este crecemento foi confirmado hoxe mesmo polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na apertura da Xornada técnica E-Health. Definición dos principios de interoperabilidade e innovación de apps. Liñas de empoderamento de pacientes.
Na súa intervención, Almuiña referiuse aos pacientes do Servizo Galego de Saúde como pacientes con meirande capacidade de acción e de análise: “Persoas que deixan de ser lectoras e buscan interactuar cos contidos e tamén cos profesionais por medio das tecnoloxías da información”. Tamén lembrou que a día de hoxe o 63% dos galegos maiores de 16 anos emprega Internet para procurar coñecemento sobre temas médicos. Esta cifra, dixo, mostra un incremento de case 10 puntos porcentuais nos últimos catro anos.
O titular de Sanidade afirmou que o crecemento do uso das tecnoloxías no ámbito sanitario é “imparábel”, polo que é “absolutamente necesario entender a contorna na que estamos e adaptarse a esta revolución que xa está aquí”.
O conselleiro lembrou que no Servizo Galego de Saúde “apostouse desde sempre pola innovación, tratando de aplicar as vantaxes das novas tecnoloxías para mellorar o día a día”. Destacou así o proxectos coma a plataforma de intercambio de información E-Saúde ou o proxecto Código 100, que se está en fase de desenvolvemento e inclúe unha liña de empoderamento de pacientes.

PUBLICIDADE