Máis da metade dos mozos entre 13 e 16 anos accede á Internet sen restricións

martes, 22 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede, con ser só un reflexo de todo o bo e o malo que levamos dentro, ten os seus perigos. Non por ser como é, senón polo uso que lle dan determinados usuarios de todo o mundo. Isto que para un internauta con experiencia non debería ter problema, si que require de máis tino para un acabado de chegar. Ou para unha persoa que pasa horas de máis perante o computador. Ou simplemente para quen ten curiosidade e anda á procura de experiencias novas. Toda esta lea vén a conto polos datos publicados pola plataforma Convivencia Escolar do Observatorio Estatal de Convivencia Escolar, que sinala que máis da metade dos mozos e mozas de entre 13 e 16 anos navega pola Rede sen ningún tipo de control por parte dos seus pais ou titores.
A organización, que contou para este estudo coa axuda de 6.175 profesores e máis de 23.000 estudantes de 301 centros de secundaria de España, salienta unha serie de datos esclarecedores sobre o moi afianzado que está na mocidade o emprego das novas tecnoloxías e a marxe máis ou menos ampla que teñen de manobra. Así, indícase que case a metade dos rapaces e rapazas teñen televisión no seu cuarto e que o 49% navega polo menos unha na Rede. Asemade, e como dixemos, máis do 50% acceden á Internet con pouco ou nulo labor de supervisión por parte dos seus pais.

PUBLICIDADE