Máis de 12.000 galegos visitaron a mostra interactiva que celebra os 75 anos de RNE

luns, 12 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Fran, o ex xogador do Deportivo, practicando en antena coa cativada nunha das escalas galegas da exposición

A mostra itinerante RNE contigo, que conmemora o 75 aniversario da radio pública, xa percorreu 24 concellos de toda España (incluídos seis galegos) e foi visitada por máis de 31.000 persoas, 12.215 das cales eran da nosa terra. Así nolo contan os responsábeis do ente público nun comunicado, no que, por certo, tamén inciden no elevado compoñente de interactividade e tecnoloxía que puxo en xogo a exposición ao seu paso por Santiago, Ourense, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo e as restantes 18 localidades incluídas até o de agora no itinerario.
A mostra, que vai sobre un camión que desprega 140 metros de plataforma con cada visita, atópase arestora en Xixón, onde recalou o pasado 7 de marzo. O gran obxectivo da exposición, amais de conmemorar o 75 aniversario da canle pública, é amosar in situ o proceso de elaboración, ao completo, dunha nova, dun programa ou dun arquivo sonoro. De feito, un dos principais atractivos da mostra é o achegamento que propón ao seu amplo fondo documental, “patrimonio colectivo dos españois”. Todo isto canalízase na exhibición a través de múltiples formatos e ferramentas: pantallas táctiles, vídeos e audios á carta, xogos dixitais para deseñar a radio soñada por cada quen, un obradoiro de radio para que a cativada grave o seu primeiro informativo, etc.
Entre os espazos que máis gustan, sinala a Radio Nacional, cómpre salientar a proposta Os sons da túa vida, que, a través dunha pantalla e empregando vídeos e audios, permite navegar polos intres máis interesantes da historia recente. Para máis información sobre a mostra e sobre vindeiras escalas da mesma na xeografía estatal, cómpre visitar a páxina da RNE onde se conmemoran os seus 75 anos de actividade e se informa de todo o que se ten preparado para celebralos.

PUBLICIDADE