Máis de 2.000 estudantes participan xa na feira de futuros investigadores de Tecnópole

xoves, 25 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo as previsións de Tecnópole, organizadora da feira Galiciencia, máis de 2.000 estudantes de toda a nosa terra participan estes días no dito evento, unha xuntanza que se dirixe a suprimir os atrancos que separan a un investigador novo en potencia dun científico no sentido exacto do termo. A feira, que se celebra na sede da Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), dá acubillo xa á presentación de 17 proxectos de I+D das máis diversas disciplinas, froito das pescudas e estudos levados a cabo por escolares galegos, pero tamén de Euskadi e Catalunya.
Cómpre lembrar que a edición 2010 desta feira, un evento que se insire no programa galego da Semana da Ciencia, foi a de meirande éxito das convocadas, sobre todo no que se refire a participación. De feito, esta convocatoria do certame (que é a quinta) recibiu case 90 proxectos da mocidade galega, polo que os organizadores víronse obrigados, por vez primeira, a facer unha escolma de material.
A feira, que se mantén aberta até este venres 26 (este último día en horario de mañá), céntrase este ano, tematicamente falando, na celebración do Ano da Biodiversidade.
Amais das presentacións de proxectos, Galiciencia inclúe estes días catro obradoiros de I+D para a comunidade estudantil de Secundaria e Formación Profesional da nosa terra. Máis polo miúdo, o certame dará acubillo a un obradoiro sobre vida e seres vivos, outro sobre o funcionamento do cerebro humano, outro sobre as propiedades do xabón e un cuarto taller sobre as características e funcionalidades do raio láser. As actividades divulgativas e participativas desenvolveranse o mércores 25 e o xoves día 26 (pola mañá e pola tarde) e máis o venres día 27 só en horario de mañá (até as 13.00 horas).
Cómpre lembrar que Galiciencia é unha acción de impulso investigador organizada por Tecnópole. Este ano, e como novidade, o comité responsable da mostra viuse obrigado a facer escolma de proxectos, tan elevada foi a cifra de iniciativas (inventos, achados de variada índole, desenvolvementos) presentadas pola nosa mocidade científica. Ou sexa, que os proxectos que estarán estes días á vista no CEI só constitúen a metade (entre 50 e 55) do que se forneceu. A mostra, que conta co apoio e co patrocinio da Consellería de Economía, celébrase este ano os días 24, 25 e 26 de novembro. Durante estas xornadas, equipos de estudantes de Secundaria e Formación Profesional chegados de todo o eido xeográfico galego amosaranlle ao público as súas iniciativas tecnolóxicas, nunha xeira colectiva de coñecemento que tamén contará coa presenza de equipos de Catalunya e Euskadi.

PUBLICIDADE