Máis de 283 mil espectadores seguiron a #TanxuFesta

luns, 31 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

A #TanxuFesta que anticipamos o pasado venres foi todo un éxito, cun preto de 300.000 persoas seguindo esta cobertura especial do Benidorm Fest na noite do sábado, no que dende a CRTVG aseguran que é a primeira vez que unha canle en España emite simultaneamente un programa na TDT, na radio convencional, en Twitch e YouTube.
Concretan dende a CRTVG que a emisión televisiva foi seguida por 251.000 espectadores, o que supón unha cota de pantalla do 12,9%; a estes espectadores sumaríanse 26.312 persoas en YouTube e 6.048 en Twitch, principiando a retransmisión na Internet para chegar máis tarde aos medios tradicionais e contando coa participación de Carlos F. Amado, Esther Estévez e outras caras coñecidas para os seareiros do Twitch da Galega e da Televisión de Galicia.
Esta acción está enmarcada na forte aposta da CRTVG pola multicanalidade, o que supón un apoio especial ás súas novas canles dixitais, como un xeito de adaptarse aos novos hábitos de consumo.

PUBLICIDADE