Máis de 50 emprendementos serán seleccionados para participar na 9ª edición do Pont-Up Store

xoves, 16 de xuño do 2022 S. P.

Na mañá deste xoves 16 de xuño presentouse en Pontevedra a novena edición da Pont-Up Store, a feira de innovación e emprendemento da cidade do Lérez, que este ano vaise celebrar durante os días 23 e 24 de setembro na habitual carpa instalada na praza de España, e que terá tamén un programa de actividades paralelas en diversos puntos da cidade. Amais, acubillará máis de 50 emprendementos seleccionados.
Na presentación participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger; o deputado de infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Gregorio Luís Agís Gómez; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco Rial; e o director do encontro, o profesor do grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego.
O reitor da UVigo, celebrou que Pontevedra se vaia converter por novena vez na capital do emprendemento galego, e asegurou que “a economía galega ten que sustentarse no traballo das persoas emprendedoras que crean riqueza e fan país".
Gregorio Luis Agís cualificou o encontro como un “evento moi motivador e un referente a nivel galego” e o alcalde destacou a “explosión de creatividade e innovación das iniciativas empresariais, o que demostra confianza no futuro deste país”. Pola súa banda, Figueroa agradeceu o apoio incondicional das entidades patrocinadoras e asegurou que esta edición ten a misión de “reactivar e dar apoio ao emprendemento galego nun momento especialmente delicado para a economía, nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia e da crise enerxética provocada polo conflito europeo, que limita a moitas iniciativas pero que tamén abre moitas oportunidades”.
Tres modalidades
Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar na feira de talento Pont-Up Exprés. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 6 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión da xunta directiva farase pública o 21 de xullo. En total, van ser seleccionados para participar nesta novena edición máis de 50 emprendementos.
O director do encontro avanzou que esta edición porá o foco “na internacionalización das empresas a través de varias actividades de networking que permitirán aos novos proxectos de mercado galegos conectar con proxectos doutros países para intercambiar experiencias e coñecemento”. A sustentabilidade será a outra gran liña de traballo do encontro, que incluirá no programa unha interesante actividade para promover a economía circular.
Dentro das actividades dedicadas a promover a cultura emprendedora, co apoio de Abanca e Gadis presentarase unha aplicación pensada para promover os valores do emprendemento a través dunha actividade organizada pola empresa Skeirrum mediante unha Street Escape ou Escape Room ao aire libre, na que participarán equipos de alumnado de Secundaria e da Universidade, co obxectivo de promover o patrimonio cultural e histórico da cidade de Pontevedra así como a cultura emprendedora, a través dun percorrido interactivo polos puntos máis emblemáticos da cidade, nos que estarán escondidos códigos QR, que as persoas participantes terán que atopar para acceder a través deles a unha aplicación web na que encontrarán diferentes adiviñas, enigmas e probas contextualizadas na historia da cidade.
Ademais volverán os obradoiros de R, enfocados a espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás; e dentro do ámbito do emprendemento social, mostrarase o labor que desenvolve a asociación solidaria Publicitarios Implicados, nacida para dar un servizo completo de comunicación publicitaria a micro-ONGs, plataformas de afectados ou colectivos solidarios, que non poden asumir os custes dunha axencia de publicidade.
Dentro do programa desta edición, o director do Pont-Up Store destacou o Pont-Up Exprés, “o talent show do emprendemento galego”, que permitirá a 10 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes empresas e entidades galegas. A finalidade desta actividade é “facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego a través da presentación de 10 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil, que se organiza en presentacións de cinco minutos de duración”. Figueroa presentou o xurado desta edición, que estará integrado por: Rosa María Seoane Domínguez, xerente de Abanca Innova e xerente de Comunicacións, Xoán Martínez Reboredo, director executivo de Kaleido, Ideas & Logistics, Eva López Barrio, coordinadora do Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres (USC) e Iago González Penedo, director comercial en Disgobe.
A feira Pont-Up Store é unha iniciativa do Grupo G4 Plus da Universidade de Vigo, liderada polo Campus Crea de Pontevedra, e conta co apoio da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e tamén co respaldo da Deputación de Pontevedra, Abanca e R entre outras entidades públicas e privadas.

PUBLICIDADE