Máis de 500 comercios poderán avanzar en dixitalización coas novas axudas autonómicas

luns, 2 de novembro do 2020 S. P.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou os días pasados a a resolución das axudas autonómicas para impulsar a innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización no sector comercial e artesán. Trátase dunha contía de 4 millóns de euros cos que impulsar a actividade de 523 establecementos. O obxectivo é mobilizar finalmente 6 millóns de euros.
A través deste programa impúlsase “a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores”, ao tempo que se quere apoiar o comercio de proximidade para que”mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de mercadotecnia 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión”.
Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.
Así, en concreto, apóianse máis de 1000 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven 444 comerciantes e artesáns; 71 proxectos de modernización integral dos locais; 67 de adquisición de equipamentos; así como 18 proxectos de expansión comercial e 5 proxectos pop-up.

PUBLICIDADE