Máis de cen estudantes participan na final do Concurso Mecano de Ferrol

luns, 28 de novembro do 2016 Redacción

Máis dun centenar de estudantes de cinco institutos de Galicia participan este martes 29 de novembro (ás 10:15 horas na aula magna da Facultade de Humanidades e Documentación, Ferrol) na final do certame de robots promovido polo Campus Industrial de Ferrol, o Concurso Mecano. Este evento, como dixemos os días pasados dende Código Cero, diríxese a fomentar a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e a tecnoloxía aos estudantes galegos de Secundaria (último ano) a través da construción e programación dun robot. Os participantes xa realizaron cadanseus vídeos coas súas propostas de enxeños robóticos.
A puntuación final terá en conta a votación destes vídeos en Facebook e a valoración do xurado que este martes verá as utilidades dos enxeños e a súa orixinalidade. Até o mediodía deste luns 28 os vídeos xa foron vistos por 71.500 persoas.
Segundo informou os días pasados a organización, o voto do público, que se obtén a través dos likes nos respectivos vídeos, permitirá aos institutos obter as primeiras puntuacións dos seus proxectos, para presentalo despois perante un tribunal no propio Campus Industrial de Ferrol, encargado de outorgar a nota final xunto coas dúas valoracións (a pública e a do tribunal).
Na fase final do concurso, a fase deste martes, os participantes visitarán o Campus Industrial de Ferrol e aproveitarán para levar a cabo unha serie de actividades que lles achegarán a oferta docente do campus e o funcionamento dos grupos de investigación.

PUBLICIDADE