Máis de cen expertos reunidos en FEUGA animaron ó sector privado galego a actuar en clave de I+D

xoves, 8 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A innovación en Galiza debe ser coma unha árbore con fondas raíces. E estas deben estar ben coidadas e ser fortes e amplas. O resto, virá por si só. Esta necesidade de asentar a I+D como alicerce de todo o que se faga no empresarial é unha das moitas conclusións ás que se chegou no Foro sobre innovación e medre empresarial celebrado este mércores en Santiago, na sede de FEUGA. No encontro, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), participaron máis de cen especialistas en medre empresarial procedentes de moi diversos eidos: do tecido privado (como o vicepresidente de Innovación de Capgemini, Peter Kroll, ou o director de Vendas da consultora F. Iniciativas, Carlos Stockfleth), do sector público (como o director xeral de I+D da Xunta, Salustiano Mato) ou do ámbito asociativo, como por exemplo o propio presidente de APD Noroeste, Honorato López Isla.
Foi precisamente o máximo responsable desta organización en Galiza un dos participantes no encontro que máis fixo fincapé na necesidade de incluír por defecto a Investigación e o Desenvolvemento (I+D) nos piares de calquera firma: “A innovación debe estar na base da actividade empresarial e non representar tan só casos puntuais que moitas veces cobren os ollos á situación real”, subliñou na cerimonia de clausura do acto. Ó longo da súa intervención, López Isla animou aos presentes a esculcar no miolo do problema do retraso de Galiza en materia de I+D con respecto ó máis avanzado de Europa e atopar respostas ó seguinte interrogante: “Que está a fallar na nosa terra para que se rexistren niveis tan baixos de innovación e todo iso malia dispor do coñecemento, o interese empresarial e os apoios públicos precisos?”.
Por este motivo, botou man do espírito crítico, agora máis que nunca necesario polo que ten de elemento construtor: “Debemos ser humildes e recoñecer que a engrenaxe aínda non está a funcionar como debera, co fin de ir mudando as cousas”. Para o director de APD Noroeste, é fundamental tender máis pontes dende o privado e o institucional cara as tres universidades e tirar partido do seu elevado potencial.
E nese punto, precisamente, coincidiu o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, quen tamén participou de xeito activo na clausura da xuntanza. Barja, de feito, situou ó sistema universitario galego como o noso principal motor de xeración de coñecemento.
Como dixemos, no foro celebrado en FEUGA tamén participou (entre outros) o director xeral de I+D, Salustiano Mato, quen subliñou a necesidade de seguir cara a adiante apostando pola I+D, malia que os seus froitos a todos os niveis, dende o máis fondo até o máis superficial do tecido económico galego, non estean de xeito inmediato ó noso alcance. Co fin de asegurar a obtención deses resultados, é preciso que se implique ó máximo o tecido produtivo, subliñou. “Se non o fai, Galiza non poderá converxer cos niveis de innovación da UE”.
Na xuntanza organizada por APD tamén houbo unha ampla concorrencia de representantes do terceiro axente responsable do pulo á I+D, logo do institucional e o universitario: o empresarial. Así, persoeiros como Peter Kroll (Capgemini) ou Carlos Stockfleth (F. Iniciativas) lanzaron cadanseu chamamento ó eido privado galego co fin de animalo a tirar proveito de todo o relativo á Investigación e o Desenvolvemento: meirande liberdade de acción, máis competitividade e meirandes probabilidades de poñérmonos á cabeza do mercado (xa non se trata só de sobrevivir, senón de ser líderes, obxectivo perfectamente posible). A xuízo de Stockfleth non é certo que non existan axudas abondas para innovar dentro da propia compañía. De feito, moitas veces é aí onde se pon en xogo a propia capacidade de manobra da empresa: en localizar e botar man do meirande número de axudas dispoñibles dende os sectores públicos, non sendo Galiza unha excepción (tal e como se pode ver hoxe no propio portal de Código Cero e onde damos conta das novas axudas convocadas pola Xunta a este respecto).

PUBLICIDADE