Máis de cen persoas participaron no convite online á lectura da Deputación da Coruña

xoves, 13 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Facer unha foto do teu recanto de lectura preferido e compartilo nas redes sociais ten premio. Esta foi a base, precisamente, do concurso #hoxeleoen promovido pola Biblioteca e a área de Turismo da Deputación da Coruña, que vén de dar a coñecer o nome da súa gañadora e mailo galardón co que se premia a súa afección ás nosas letras. Trátase de Zaida Panadero Álvarez, de Ferrol, que obtivo unha viaxe literaria a París para dúas persoas. A foto gañadora do concurso, achegada por Zaida, consistiu nunha instantánea de Ferrol, co mar de fondo e o libro Ollos de auga de Domingo Villar en primeiro plano.
Segundo informou a Deputación da Coruña, o concurso tivo o obxectivo de animar a “ler como parte da viaxe e as vacacións”, e nesta convocatoria participaron finalmente máis de cen persoas.
O acto de entrega do premio desenvolveuse este 12 de setembro na propia Biblioteca da Deputación da Coruña. Fixeron acto de presenza o deputado de Turismo Xosé Regueira Varela, a xefa de Sección de Turismo Mª Teresa Loureiro Ventureira, e a Arquiveira Bibliotecaria, Mª Dolores Liaño Pedreira.
Segundo detallaron, o concurso de verán tivo como obxecto a dinamización e animación á lectura, así como a difusión do patrimonio paisaxístico e cultural dos concellos da Coruña.
As persoas participantes remitiron a través das redes sociais e do correo electrónico fotografías dos seus recunchos a preferidos para ler este verán, xunto coas lecturas das que estaban a gozar.
Entre tódalas fotografías participantes, que nesta edición foron 103, sorteouse unha viaxe a París.

PUBLICIDADE