Máis de medio cento profesionais participaron na xornada sobre drons celebrada en Mariñán

luns, 20 de outubro do 2014 Redacción

José Manuel Miranda de Aerial Works durante a demostración práctica

Cada pouco (cada moi pouco) xorden e afiánzanse tecnoloxías que amosan capacidades case infinitas de explotación e uso empresarial. Unha das máis rechamantes deste último ano é sen dúbida a tecnoloxía dos vehículos aéreos non tripulados, tamén coñecidos como drons, usados cada vez máis en labores de loxística, transporte, seguimento, rexistro de terreos e contornas e, tamén, en materia de publicidade e mercadotecnia. Para dar conta das súas particularidades e posíbeis aplicacións na nosa terra, a Factoría de Innovación da Coruña organizou a semana pasada o evento Innova utilizando drons, que se celebrou no Pazo de Mariñán (Bergondo) e que deu acollida a máis de cincuenta profesionais de toda a provincia.
Entre outras cousas, o encontro serviu para pór de manifesto a tendencia destes aparellos (nun principio destinados a usos militares) a estar cada vez máis presentes nas nosas vidas. En parte debido ao abaratamento da tecnoloxía que os fai posíbeis, en parte polas facilitades das normativas (sobre todo as estranxeiras) ao respecto. “As previsións”, sinalouse, “apuntan a que nun prazo de dous anos os drons cheguen a xerar preto de 2.000 millóns de euros a nivel mundial”.
Tras realizar un repaso desde a orixe dos aeromodelos até a chegada destes vehículos aéreos, Miguel Ángel García, presidente do club de voo As Gaivotas, compartiu cos asistentes diferentes exemplos de como unha ampla variedade de sectores xa están a sacar partido a esta ferramenta. Entre outros, destacou o uso destes aparellos en eidos como o audiovisual, a seguridade, a prevención e extinción de incendios, a topografía e cartografía ou o turismo.
Juan Moya, responsábel do departamento VANT de Zumain Enxeñeiros, proseguiu o vieiro aberto polo anterior relator amosando algúns dos proxectos que a súa compañía desenvolveu grazas ao uso de diferentes modelos de drons en topografía, agricultura ou fotografía, entre outros. Segundo dixo, “o traballo con estres trebellos permitiu incrementar ou mellorar servizos, ofrecendo maior calidade aos clientes e sendo máis competitivos con respecto a outras empresas”. Por outra banda, Ángel del Real, responsábel de adestramento de tripulacións de Swiftair, foi o encargado de presentar o ámbito normativo en vigor e insistiu na necesidade de que se aprobe “canto antes un novo marco legal específico para os drons, xa que as súas características e aplicacións non teñen cabida dentro das leis de aviación existentes e a falta dun desenvolvemento lexislativo apropiado en España está a restar competitividade ao sector”. A actividade pechouse cunha demostración práctica na que José Manuel Miranda de Aerial Works, explicou o funcionamento destes aparellos e profundou nas particularidades do seu uso e mantemento.

PUBLICIDADE