Máis do 76% dos concellos galegos contan con software libre nos computadores de usuarios

martes, 25 de novembro do 2014 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de emitir un novo diagnóstico sobre o estado de saúde do software libre na nosa terra, desta volta centrándose no seu comportamento a nivel das administracións locais. Os datos achegados polo organismo dependente de AMTEGA semellan en xeral positivos, xa que sinálase que o 80% dos concellos dispón de programas abertos nalgún equipo informático, ben sexa en ordenadores de usuario ou servidores.
As vantaxes disto baséanse no seguinte: as ferramentas informáticas de código aberto adoitan ser de menor custe cás privativas (co ingrediente de idoneidade que isto supón, e máis para un ámbito onde se moven só cartos públicos), ofrecen máis marxe de adaptación e non implican o pago de licenzas, ao que cómpre engadir que a súa inclusión satisfai as demandas dunha comunidade de usuarios crecente.
No informe tamén se sinala que máis do 76% dos municipios contan con software libre nos computadores de usuario, ben como única tipoloxía de software habilitada nos equipos (2,9%) ou ben en presenza de software privativo (75,6).
Do total de concellos que teñen servidores, o 45,4% dispón de software libre instalado, ben como única tipoloxía de software (3,9%) ou ben en combinación con software privativo (43,9%).
Por tamaño dos concellos, o 92,7% dos que teñen máis de 5.000 habitantes dispón de recursos abertos nalgún dos seus equipos informáticos, o que implica unha diminución respecto ao 2011 onde o valor situábase no 96,4%. No caso dos concellos con máis de 50.000 habitantes, o 100% dispón de software libre e de software privativo simultaneamente nos equipo informáticos.
A investigación tamén indica que “o emprego de software libre nos equipos de usuario dos concellos é superior nas aplicacións que nos sistemas operativos, cunhas porcentaxes do 67,7% e 30,4% respectivamente”. No referente a servidores, a presenza de aplicacións informáticas libres é superior á de sistemas operativos libres. “Se ben, as diferenzas son menores que no caso de ordenadores de usuario”, explícase. Polo que atinxe ás aplicacións informáticas de uso xeral, “a combinación de software libre e software privativo é a opción máis habitual no caso de ofimática, navegador de Internet e xestor de correo electrónico”. No referente ao antivirus e seguridade, a tipoloxía máis habitual é a de software privativo, cousa por outra banda lóxica se temos en conta que os sistemas abertos non adoitan ter os problemas de incursións víricas que si soen afectar aos computadores con ferramentas privativas. A mellor porcentaxe de dispoñibilidade de software libre está no navegador de Internet, en exclusividade no 20,2% e xunto co software privativo no 68,5% dos ordenadores.
En canto á valoración global, tanto o software libre coma o software privativo “obteñen unha puntuación semellante e con valores próximos aos 7 puntos”. No caso de software libre, os valores oscilan entre o 6,5 para concellos de máis de 50.000 habitantes e o 7,2 dos concellos de entre 20.001 a 50.000 habitantes. No que se refire a previsións a curto prazo, no 80% das entidades locais agardan aumentar ou manter a presenza de ferramentas de código aberto. “No caso dos ordenadores de usuario 4 de cada 10 concellos cren que aumentará, mentres que no caso dos servidores a tendencia semella máis inclinada a seguir nos niveis de uso actual”, engádese.

PUBLICIDADE