Máis voces de alerta sobre o uso excesivo do móbil

venres, 29 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Ao móbil, ou mellor dito ao exceso de móbil, séguenlle a saír inimigos. Hai uns meses foi a IARC, que o clasificaba como un posíbel carcinóxeno, e agora é un científico ruso, o biofísico Konstantin Korotkov, que asegurou esta semana que o uso destes trebellos alteran o funcionamento do cerebro. Por estas e outras razóns, insistimos coa nosa teima de sempre: o teléfono móbil está moi ben, ten moitas vantaxes e incrementa a calidade de vida de moitas persoas, pero cómpre usalo na súa xusta medida. E, dende logo, nunca deberemos achegarllo aos nosos cativos coma se dun xoguete se tratase, por moito que nolo pidan e por moito que vexamos niso un descanso das nosas obrigas. De feito, os hipotéticos efectos negativos serán máis prexudiciais nos nenos, por estar os seus órganos en estado de desenvolvemento.
Volvendo a Korotkov e á información que reflicte Galiciaé, dicir que chega nun tempo especialmente delicado para o medre no mercado dos devanditos aparellos, logo de que Suecia e Noruega tamén o lles puxeran a etiqueta de alérxeno electromagnético. Na súa opinión, e xa nun terreo máis amplo non ligado aos móbiles, calquera pode ver como na súa contorna se multiplican as doenzas que non teñen razón aparente, pero si que a teñen e cómpre sinala para que se saiba: a polución do noso medio ambiente. Nisto, sinala, xoga unha parte importante a contaminación de índole electromagnética, na que se insiren os móbiles pero tamén outros moitos aparellos de uso común. Segundo explicou, o emprego de móbiles pode provocar dores de cabeza, mareos, desorientación, alerxias e problemas dermatolóxicos. Na súa opinión, isto todo varía segundo a persoa, xa que cada usuario sufrirá estes males de xeito diferente.

PUBLICIDADE