Maiscompostela.org permitirá a promoción de balde das empresas locais

martes, 30 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela, na súa teima por facer que as empresas da comarca suban ao carro das novas tecnoloxías e boten man das mesmas para competir no mercado en igualdade de condicións que outras empresas de países máis aventaxados, vén de renovar a súa web www.maiscompostela.org, creando un punto de encontro virtual único no que promocionarse e dar a coñecer a súa actividade.
Segundo apuntan dende a entidade pública, o obxectivo desta ferramenta é “servir de punto de encontro útil” para as empresas, entidades, institucións e administracións con sede na comarca de Compostela ou que celebran eventos e traballan a cotío na capital galega, onde poidan promocionarse de balde e ser vistas polo seu público obxectivo e clientes potenciais.
A devandita Concellaría ofrece, deste xeito, unha nova ferramenta con presenza na rede social Facebook, onde os empresarios e empresarias da comarca de Compostela poderán colaborar activamente organizando actividades e dando a coñecer o seu labor no ámbito da promoción da actividade económica, comercial, turística ou do emprego, a modo de axenda.

PUBLICIDADE