Mancomún lanza stickers de tecnólogas galegas ao abeiro de Mulleres en Tech

mércores, 16 de agosto do 2023 S. P.

Dende Mancomún (iniciativa galega de fomento do software libre impulsada dende AMTEGA) aproveitaron este mes de agosto para levar a cabo unha nova reivindicación do papel das mulleres no ámbito STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Consistiu no lanzamento de novos stickers ao abeiro de Mulleres en Tech.
A iniciativa puxo o foco nos códigos e formatos comunicativos empregados polas novas xeracións e levouse a cabo nas redes sociais e no propio portal de Mancomún.
A colección de stickers pódese empregar nas ferramentas de mensaxería instantánea e teñen o obxectivo de “visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM”. Esta colección de stickers irá medrando ao longo do ano. Entre as novas achegas figuran as galegas Ana Jimenez, Cristina Barreiro e Cristina Pampín. Podemos descargar os stickers directamente no noso dispositivo móbil para usalos no Telegram ou no WhatsApp.
A iniciativa tivo un precedente inmediato nos stickers lanzados polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

PUBLICIDADE