Manuel Lagos (CITIC) mostrou proxectos tecnolóxicos inclusivos na HCI International 2023 (Copenhague)

martes, 1 de agosto do 2023 S. P.

Do día 23 ao 28 de xullo levouse a cabo en Copenhague, Dinamarca, a 25th International Conference on Human-Computer Interaction (HCI International); un evento mundial que reúne a expertos, investigadores e profesionais dunha manchea de países procedentes do eido da interacción persoa-ordenador e disciplinas relacionadas. Ao congreso acudiu o investigador Manuel Lagos Rodríguez (Centro de Investigación TIC da UDC, CITIC), que presentou en formato póster dous traballos sobre Realidade Virtual (RV) aplicada a persoas con discapacidade. Os pósteres foron Visiting Supermarket through Virtual Reality: an Opportunity for Rehabilitation of People with Disability e User Experience in Virtual Reality from People with and without Disability.
O primeiro dos proxectos pretende desenvolver unha aplicación en Realidade Virtual que axude no proceso de rehabilitación de persoas con discapacidade mediante a inmersión destes usuarios nun supermercado. Segundo explica o investigador, “para moitas persoas, este proceso de recuperación pode ser longo, monótono e pouco motivador, xa que con frecuencia as accións para realizar implican movementos ou exercicios mecánicos e repetitivos, sen conexión directa coas actividades da vida cotiá”. Para axudar no devandito proceso e evitar un posíbel abandono, a aplicación ofrecerá actividades dinámicas e amenas para adestrar tanto habilidades físicas como cognitivas.
Pola súa banda, o obxectivo da investigación User Experience in Virtual Reality from People with and without Disability é analizar e determinar, desde a perspectiva dos usuarios finais de aplicacións xenéricas de RV, as posibilidades que ofrecen as mesmas á hora de mergullarse en diversos escenarios virtuais. Na base deste proxecto está a introdución progresiva destas aplicacións nas intervencións sanitarias, especialmente nas centradas na rehabilitación de persoas con discapacidade. Porén, presentan problemas diversos como a falta de usabilidade e cara a este punto é cara a onde se dirixe o traballo do investigador Manuel Lagos.

PUBLICIDADE