Mar Pereira destaca o valor do investimento en TIC para transformar os sectores estratéxicos

xoves, 29 de maio do 2014 Redacción

A responsable da área tecnolóxica da Xunta, Mar Pereira, interveu hoxe en Madrid na mesa redonda A innovación como axente facilitador do cambio nas Administracións Públicas do Congreso Europeo de Consultoría 2014, que organiza a Asociación Española de Empresas de Consultoría (AEC), onde destacou que o investimento en tecnoloxía redunda na modernización das Administracións Públicas, na mellora da súa eficiencia e servizos e no desenvolvemento de proxectos tractores que facilitan a transformación e a innovación tecnolóxica doutros sectores produtivos.

Axenda Dixital e AMTEGA

Pereira sinalou que o actual Goberno galego apostou decididamente pola tecnoloxía desde o ano 2009, poñendo en marcha unha estratexia tecnolóxica global, a Axenda Dixital 2014.gal, e creando un único órgano para a xestión das TIC, a AMTEGA, dependente directamente da presidencia da Xunta.
En catro anos, a Axenda Dixital de Galicia mobilizou preto de 1.100 millóns de euros en medidas e actuacións parar a modernización tecnolóxica dos servizos públicos, a consolidación do sector TIC como elemento tractor dos restantes sectores produtivos e a implantación de infraestruturas de telecomunicación por todo o territorio galego.

Proxectos que transforman sectores estratéxicos

A directora da AMTEGA puxo en valor as iniciativas coas que a Administración autonómica busca transformar e modernizar sectores estratéxicos para Galicia como o Plan Smart Turismo cun orzamento de 10 millóns de euros ata 2020 para modernizar o sector desde unha perspectiva integral: desde a dotación de novas ferramentas TIC para a xestión ata o desenvolvemento de novos servizos avanzados de comercialización.
Na área dos servizos públicos, Pereira destacou o Plan Trabe, para a modernización tecnolóxica dos servizos sociais a través das TIC e a creación da historia social única para cada usuario que conta cun orzamento de 8 millóns de euros. No eido da educación, a Xunta está a abordar unha nova fase do Proxecto Abalar coa posta en marcha dunha plataforma de libros dixitais, cun investimento da Administración de 3,6 millóns de euros, e que prevé alcanzar en tres anos a 22.500 alumnos. Pereira lembrou tamén a iniciativa para a dixitalización do patrimonio cultural, o Proxecto ARPAD, que permitirá crear o Arquivo Dixital Único para proporcionar servizos dixitais a toda a Administración pública galega, a interoperabilidade coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a creación dun Arquivo histórico documental.

Estratexias para situar a Galicia como referencia TIC a nivel europeo

Mar Pereira sinalou que a Administración autonómica está traballar na elaboración da nova Axenda Dixital de Galicia e lembrou que a finais de 2013 a Xunta aprobou a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aliñada coa RIS3, para afrontar os retos tecnolóxicos formulados por Europa no horizonte 2020 e que constitúe o marco estratéxico sobre o que se establecerán as actuacións da nova estratexia tecnolóxica.
A responsable da AMTEGA indicou que o novo marco de financiamento europeo supón unha oportunidade para dar continuidade a estas políticas posto que Galicia recibirá un total de 2.771 millóns de euros procedentes dos fondos estruturais (FEDER e FSE) da Unión Europea (UE) para o período 2014-2020.

PUBLICIDADE