Mar Pereira inaugura o workshop de Gradiant louvando a rede de emerxencias dixital do Goberno galego

xoves, 12 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, está a celebrar en Vigo un importante workshop sobre comunicación en situacións de emerxencia, que se estenderá ao longo de toda a semana e ao que convidou aos máis recoñecidos profesionais do sector.
Entre as persoas convidadas ao evento destacou hoxe a presenza da secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, que foi a encargada de inaugurar a Xornada Internacional de Comunicacións de Emerxencias.
No seu discurso Mar Pereira afirmou que a creación, por parte da Xunta, dunha rede de emerxencias propia “é un proxecto estratéxico que responde a unha necesidade real”, un proxecto que, segundo dixo, “é posible, no contexto económico actual, grazas a unha eficiente xestión dos recursos e á sinerxía dos investimentos con outros proxectos como o Plan de Banda Larga 2010-2013 e o despregamento das Redes de Televisión Dixital Terrestre”.
E é que a entrada en funcionamento en 2013 dunha rede de emerxencias dixital e única permitirá a coordinación global en situacións de crise de todos os efectivos de emerxencia dependentes do Goberno autonómico, así como daquelas outras administracións ou organismos que se adhiran.
Neste senso, a titular de Modernización afirmou que redundará non só nunha maior efectividade dos corpos de seguridade e emerxencias, senón tamén nunha mellora das prestacións aos cidadán, que terán garantida, ante situacións de emerxencia, que todos os organismos involucrados poidan traballar de forma coordinada, optimizando así os recursos existentes”.
Para crear a nova rede de emerxencias, que será xestionada polo operador público Retegal, despregaranse infraestruturas de telecomunicacións novas e aproveitaranse as xa implantadas pola mesma compañía no marco do Plan de Banda Larga, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos respecto ao uso de redes comerciais convencionais.
A implantación da nova rede permitirá que en 2013 o 85% da poboación de Galicia estea cuberta, utilizando solucións móbiles para chegar ao resto do territorio. A nova rede permitirá, asemade, que tódolos organismos integrados nela poidan acceder a novas funcionalidades, como poden ser a xeolocalización dos efectivos a través de GPS, a transmisión de datos, o envío de sms a persoas ou grupos, a gravación de chamadas, a consulta de bases de datos... Ademais, os dispositivos móbiles que se empregan están adaptados a condicións extremas.

PUBLICIDADE