María Yáñez e Juan Lesta amosan en Sadurniño os segredos dos memes e dos móbiles como ferramentas audiovisuais

xoves, 31 de agosto do 2017 Redacción

O Concello de San Sadurniño segue adiante coas súas xeiras divulgativas de traballo arredor dos novos xeitos de crear audiovisual e facer coñecemento. Materializadas nas Chanfaina Labs, estas xeiras chegan esta fin de semana á súa cuarta edición, abranguendo dous obradoiros e dúas charlas na Casa da Xuventude. Os dous obradoiros desenvolveranse o venres, o primeiro deles a partir das 10.00 e contando coa presenza da xornalista transmedia e investigadora en múltiples eidos dixitais María Yáñez, quen exporá (entre outras cousas) as metolodoxías a seguir para facer un meme que deixe pegada nas redes (ou sexa, un concepto ou contido multimedia, principalmente humorístico, que teña a capacidade de estenderse en Internet e nas ferramentas de comunicación dixital).
Pola tarde, a partir das 16.30 horas, o realizador Juan Lesta mostrará como montar un vídeo usando unicamente unha tableta ou un móbil. Para inscribirnos nalgunha das prazas dispoñíbeis para estas actividades teremos que chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo á conta agustin.perez@sansadurnino.gal.
Segundo nos lembra o Concello de San Sadurniño, María Yáñez é a responsábel do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (o LAIC) impulsado recentemente pola Concellaría de Culturas da Coruña. Antes diso foi guionista para distintos programas da TVG, directora durante unha etapa do xornal dixital Vieiros, co-fundadora da empresa A Navalla Suíza, co-impulsora, entre outros proxectos, da desaparecida Flocos.tv e da web Fálame de San Sadurniño. Na súa intervención nos Chanfaina Labs, titulada Folclore dixital: o uso cultural dos memes, os microvídeos e os gifs animados, poderemos coñecer a fondo a orixe e a gramática destes contidos virais e aprenderemos tamén algunhas bases prácticas para producir as nosas propias pezas e crear memes que poidan funcionar a nivel local.
Na sesión da tarde, o realizador Juan Lesta ofrecerá un curso acelerado de edición de vídeo usando dispositivos móbiles. Segundo informa o Concello, a idea é prepararnos para tirar o máximo proveito do potencial creativo destes trebellos: “Cámaras de alta definición, procesadores ultrarrápidos, pantallas hiperluminosas e cristalinas, e centos de aplicacións converten o móbil non só nun fantástico elemento de captura de imaxe, senón tamén nun estudio de edición e posprodución co que elaborar vídeos de calidade fantástica para publicalos de inmediato nas redes, para compartilos con familia e amizades ou para velos na casa”, explica a organización do obradoiro sobre as posibilidades que se abren co mesmo, lembrando tamén que para participarmos nel deberemos dispor dun móbil intelixente ou unha tableta compatíbel con Premiere Clip (ou sexa, cos sistemas operativos iOs 8.1 ou Android 4.4) e espazo e memoria de abondo para poder traballar con vídeo.
Juan Lesta, pola súa banda, é especialista en imaxe e en formación relacionada coa posprodución dixital. Participou canda Belén Montero no primeiro Chanfaina Lab, con quen (precisamente) fundou Esferobite, xermolo dunha manchea de documentais, videoclips e cursos como o de San Sadurniño desta fin de semana. Lesta-Montero impartiron recentemente o Noroeste Videocamp como acción que vencellou a música e o audiovisual no Festival Noroeste Estrella Galicia, no marco do programa Coruña Dixital.
O sábado a xornada estará centrada na gravación de pezas polo territorio e ás 20.00 horas realizarase o pase dunha escolma de curtametraxes portuguesas producidas en contextos rurais coma o de San Sadurniño. A proxección presentaraa o realizador luso Carlos Viana e a entrada é libre.
Por último, o domingo celebrarase unha clase maxistral ofrecida polo director galego Óliver Laxe ás 17.00h. na Casa da Cultura. Laxe (gañador do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes co filme Mimosas) achegará unha ollada á creación audiovisual do rural galego desde a súa andaina creativa como director independente e cun marcado compromiso social.

PUBLICIDADE