Marín activa dúas páxinas que permiten aos internautas coñecer mellor o seu patrimonio

martes, 17 de agosto do 2021 S. P.

O Concello de Marín vén impulsar dúas páxinas web para dar a coñecer o patrimonio e a historia local. En concreto, o obxectivo é “permitir que nos asomemos ao pasado de Marín”, achegándonos dúas oportunidades inmellorábeis para comprender a vila tal e como é hoxe en día e como mudaron as cousas ao longo dos séculos.
Nas dúas páxinas catalóganse, ordénanse e xeolocalízanse dous tipos de elementos patrimoniais que “definen a estrutura sociolóxica de Marín”. Trátase das fontes e os lavadoiros. As web en cuestión son www.fontesdemarin.com e www.lavadoirosdemarin.com.
Grazas a elas, é posíbnel consultar preto de 130 elementos do patrimonio local cunhas fichas multimedia nas que se inclúe unha galería fotográfica, unha imaxe 360, a xeolocalización e unha pequena descrición.
Ambas actuacións fixéronse con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra e, ademais da sinalización dixital, supuxo a renovación de toda a sinalética física, que agora, en palabras do Concello, “conta cunha estética armónica e que adaptada á contorna, con materiais madereiros”.
Desde o Goberno local consideran que “este tipo de iniciativas achegan o patrimonio histórico da vila a todos aqueles interesados no municipio, non só á veciñanza, polo que poden converterse nun polo de atracción máis para os visitantes interesados en realizar un tipo de turismo cultural”.

PUBLICIDADE