Mastodon estrea instancia en galego

mércores, 18 de maio do 2022 S. P.

Coincidindo de xeito significativo cunha dupla celebración que tamén ten a súa relevancia para a cultura galega (a festa do 17 de maio, na que se conmemora o Día das Letras Galegas e máis o Día da Internet), a nosa comunidade de usuarios da rede social Mastodon achegou a versión en galego do dito servizo, que xa podemos visitar en mastodon.gal e que foi lanzada na nosa lingua (grazas principalmente ao usuario Rafa) con todas as aplicacións móbiles oficiais traducidas e tamén as da comunidade para todas as plataformas.
Mastodon, como lembraremos, é unha redes social moi acaída para as persoas internautas que queiran evitar os problemas de fake news que asolan outras plataformas, especialmente Twitter. Foi fundada por Eugen Rochko no ano 2016 e ten un deseño semellante ao de Twitter pero coa particularidade de que ás súas costas non haxa unha organización empresarial que teña nas súas mans toda a información xerada e por xerar. Amais, non ten un servidor central, así que os usuarios poden elixir entre unha listaxe de servidores para conectarse. É unha ferramenta de código aberto, polo que está aberta a todo tipo de adaptacións.

PUBLICIDADE