Materialízase en Riazor o proxecto de inclusión comunicativa #Escoita, co-impulsado polo COETG

martes, 4 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) vén de informar da materialización definitiva dun proxecto de inclusión impulsado pola entidade a raíz do caso concreto dun seareiro do Deportivo da Coruña, Jesús Suárez. Estamos a falar do proxecto #Escoita, dirixido a solucionar a problemática do retardo nas retransmisións deportivas que dificulta o seguimento dos encontros no campo de fútbol por parte de persoas con dificultades visuais. Ademais, é quen de ceibar a retransmisión dun encontro de anuncios nin interrupcións. O sábado, no campo de fútbol de Riazor, o sistema #Escoita foi quen de emendar a dita eiva comunicativa.
Segundo nos conta o Colexio, o sistema entrou en funcionamento por primeira vez para os usuarios que así o solicitaron no partido disputado este fin de semana na Coruña e a súa estrea tivo “moi boa acollida e repercusión nos medios de comunicación”, destaca o COETG, poñendo o foco na pegada deixada nas emisoras de radio implicadas na iniciativa e no seu desenvolvemento, que reflectiron a súa estrea con todo luxo de detalles.
O COETG lembra que #Escoita é un proxecto pioneiro para que as persoas con problemas visuais teñan acceso en tempo real á narración dos encontros deportivos. A contribución do COETG á súa materialización veu da man do enxeñeiro de Telecomunicación, Javier Fernández Fraga, quen realizou labores de asesoramento técnico para que a iniciativa fose finalmente levada á práctica. A conversión de #Escoita nunha realidade foi posíbel grazas ao Concello da Coruña, a Universidade da Coruña, a ONCE, o Deportivo e varias Emisoras Radiofónicas, ademais do COETG.

PUBLICIDADE