Mattel comercializa unha Barbie deseñadora de videoxogos

venres, 17 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Hai uns anos a colección I Can Be de Barbie, coa que buscaban amosar que as mulleres podían desempeñar multitudes profesións que van dende dentista a presentadora de televisión, sorprenderan cunha Barbie enxeñeira informática, que presentaba unha estética bastante rechamante, e que rematou dun xeito extraordinariamente errado cun libro no que contábase a historia detrás desta enxeñeira tan funky, que resultaba ser unha oportunista que non só infecta o seu equipo informático e o da súa irmá cun virus informático, senón que para salvar a situación ten que recorrer á axuda dos mozos, para rematar quedando ela con todo o crédito. Claramente un horrible exemplo par as rapazas de todo o mundo.
Pero dende Mattel non se dan por vencidos, e dentro da colección Barbie Carreers teñen agora a Barbie deseñadora de videoxogos, que presenta unha aparencia máis desenfadada que a meirande parte das bonecas Barbie, vestindo camiseta, chaqueta, pantalóns vaqueiros e calzado deportivo, e lucindo tamén un pelo de cor vermello e unhas grandes lentes. Como accesorios gamer esta Barbie conta cuns grandes auriculares con micrófono, unha tableta e un ordenador portátil (que intenta emular a aparencia dun equipo no que estean a desenvolver un videoxogo).
Iso si, desta volta si parecen argumentar ben o atractivo profesional do desenvolvemento de videoxogos, xa que na caixa da boneca aseguran que “o desenvolvemento de videoxogos implica narrativa, deseño gráfico, deseño sonor e programación informática”, salientando que tamén precisa de traballo en equipo, creatividade e coñecementos de tecnoloxía, matemáticas, narrativa e arte. Temos así que venden bastante ben esta profesión tradicionalmente tan masculina para evitar o rexeitamento do público feminino.

PUBLICIDADE