Media Markt devolverá o custe dos televisores mercados até o 7 de xuño se España gaña todo no Mundial

venres, 4 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa alemá Media Markt, presente na Coruña e Vigo con dous macropuntos de venda, vén de poñer en marcha unha campaña dirixida a promover a venda de equipos audiovisuais. Máis polo miúdo, trátase dunha iniciativa de promoción que se apoia de xeito directo no Mundial de Fútbol de Sudáfrica (que arrinca o 11 de xuño) e no papel a desempeñar na competición polo combinado español. Precisamente, do papel que esta selección desempeñe, dependerá que o cliente saia gañando máis ou menos. De feito, no caso de que o equipo gañe tódolos partidos da primeira rolda contra Suíza, Honduras e Chile para logo proclamarse gañadora do Mundial, a firma MediaMarkt comprométese a devolverlles aos seus clientes o custe en efectivo dos monitores TFT con sintonizador de TDT que sexan mercados entre o 4 e o 7 de xuño.
Isto (sempre e cando España gañe, claro está) poderá formalizarse presentando o recibo de compra en calquera dos 53 establecementos que a cadea ten no territorio estatal, incluídos os dous puntos de venda galegos. A promoción, que vén apoiada por unha forte campaña de publicidade (que se agarde tamén contribúa a afianzar o apoio ao combinado español, aínda que só sexa polos cartiños prometidos, motivo por outra banda tan bo coma calquera outro), está a presentarse baixo o seguinte epígrafe: Se España gáñao todo, ti gáñalo todo! Por certo que a empresa xa anunciou que estima o reembolso en efectivo do importe de máis de 8.000 televisores, sempre e cando se dese a devandita circunstancia.

PUBLICIDADE