MediaMapa.gal recolle os datos de case 150 medios de todo o territorio galego

xoves, 2 de febreiro do 2017 Redacción

A semana pasada, tal e como sinalamos dende Código Cero, arrincou con forza a iniciativa MediaMapa.gal, un dos proxectos financiados pola Bolsa Nacho Mirás para novas/os tituladas/os do 2016, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Como lembraremos, MediaMapa.Gal diríxese a construír unha cartografía do conxunto dos medios de comunicación en Galicia (o seu elemento máis referencial é, de feito, o Mapa dos medios galegos, que recolle arestora información de 150 deles). Esta construción non será o desenvolvemento dun labor calquera, feito por unha equipa concreta especializada, senón que será unha construción aberta, participativa e dinámica.
Segundo nos recordou esta semana o Colexio, o mapa interactivo onde figuran as iniciativas xornalísticas da nosa terra “é un espazo aberto no que calquera usuario poderá introducir novas achegas”. Ademais, poderá localizar as canles activas, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a elas.
Como dixemos, MediaMapa.Gal irrompe no escenario dixital galego con datos de case 150 medios de todo o noso territorio, emprazados de maneira xeográfica e clasificados polas características de grao de proximidade (municipal, comarcal, provincial ou comunitario), tipo de medio (prensa, radio ou televisión), soporte (papel, web, radio ou televisión), temática (especializada ou xeralista) e idioma de edición (castelán, galego ou portugués). Desde as fichas dos distintos medios pode accederse aos seus respectivos sitios web, así como consultar os datos de denominación social e área de cobertura.
Como sinalamos o outro día, MediaMapa.gal está promovido por Cruz Negreira, xornalista e doutoranda en Comunicación e Información Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, que investiga, dentro do grupo de investigación Novos Medios da USC, sobre o desenvolvemento dos medios hiperlocais na rede, en Galicia e no conxunto do Estado. Segundo engade o Colexio de Xornalistas, MediaMapa.Gal “servirá tamén para difundir parte dos resultados desta investigación, que se publicarán en aberto e de forma periódica no sitio”.

PUBLICIDADE