Mediafire: un servizo de balde para subir e compartir arquivos

venres, 27 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Non está mal que en cuestión de servizos web para aloxar arquivos teñamos en canto de cando en vez as opinións de outros que xa os probaron ben a fondo, dado o elevadísimo número de sistemas desta índole que van saíndo até nos lugares máis insospeitados. O Media Fire, polo que se di del en Utilitario.net, é porto seguro no medio dunha serie de treitos de costa sen civilizar (Rapidshare, Megaupload, Yousendit, etc).
O servizo en cuestión é de balde (baséase nun uso axeitado da publicidade) e non ten límites de tamaño de arquivos nin de número de descargas. Ademais, a diferenza do que acontece con outros sistemas de semellante pau e obxectivos, non hai que ficar perante a procesos de conta atrás durante os cales che dá tempo a (incrible!) pagar unha hipoteca. Bromas aparte, Mediafire cumpriría (segundo o dito blog) co pactado no papel no proceso de inscrición: ofréceche a posibilidade de subir e compartir arquivos de un giga, e finalmente (!) podes subrir e compartir arquivos de un giga.
Segundo se informa no blog de MediaFire, os arquivos ficarán no seu servidor por tempo indefinido. Ademais, se por calquera motivo (moita demanda dos usuarios) houbese que facer sitio, enviarían notificación por e-mail co fin de solicitarnos que eliminemos os datos máis vellos.

PUBLICIDADE