Medio cento de persoas acudiron á xornada do CPEIG celebrada en Arquitectura

luns, 19 de outubro do 2015 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizaron na tarde do pasado 15 de outubro a xornada Faite profesional dixital de tecnoloxías informáticas na arquitectura. O encontro, ao que asistiron arredor de cincuenta persoas de maneira presencial, insírese na campaña de divulgación de novos perfís profesionais 1 mes, 1 profesión dixital e celebrouse no salón de actos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).
Na benvida inaugural -na que participaron o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e o director da ETSAC, Fernando Agrasar- o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, lembrou que a dita campaña xurdiu co obxectivo de crear conciencia entre a mocidade do vital que resulta, a día de hoxe, adquirir coñecemento e habilidades dixitais. Segundo fixo saber, non temos máis que ollar o que acontece coas empresas que participan e apoian a iniciativa, empresas que demandan cada vez máis estas competencias tecnolóxicas para seren máis competitivas e innovadoras. Ao seu xuízo, o emprendemento dixital, vencellado ao mundo da Internet e das redes sociais, “fai que de continuo xurdan novas oportunidades de negocio”.
Volvendo á cita do 15 e ao seu miolo, lembrar que os relatorios da xornada puidéronse seguirse coa etiqueta #1mes1profDIX e vía streaming a través da web do proxecto, profesionsdixitais.org. Tralo acto de apertura, interveu Eloi Coloma Picó, consultor especialista en BIM e director do Master en BIM Managament Steering da Universidade Politécnica de Catalunya (UPC) para falar do Impacto das tecnoloxías da información no sector da construción. A continuación, falou Aitor Almaraz Sánchez, estudante do Master Universitario de Arquitectura da ETSAC cunha charla baixo o epígrafe de Pensando en paramétrico. Contornas dixitais. Pola súa banda, Luis Antonio Hernández Ibáñez, profesor titular da UDC e coordinador do Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía en Arquitectura, Enxeñaría Civil e Urbanismo, abordou a Realidade virtual, interacción natural e motores de videoxogo. Tendencias en visualización interactiva de arquitectura.
O último dos relatores foi José A. Vázquez, xefe de estudos da ETSAC, quen realizou unha presentación do Obradoiro de Fabricación Dixital da ETSAC. Como remate da xornada celebrouse un debate entre os relatores e o público.
A campaña 1 mes, 1 profesión dixital arrincou o pasado mes de abril coa xornada Faite profesional dixital do marketing dixital. Trátase dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais que se desenvolverá ata finais de outubro, e que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información cara ao emprego.

PUBLICIDADE