Medra a porcentaxe de mulleres que teñen que renunciar á vida online por mor das agresións

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) lanzou esta semana un novo informe (ao abeiro da súa serie de Policy Briefs) para visibilizar o reto social dun problema que vai a máis e que require acción directa dende a nenez e a mocidade: as agresións online. En Violencia dixital de xénero: unha realidade invibel analízase esta problemática que afecta ás mulleres e que, segundo se recorda, ten importantes e dramáticas consecuencias nunha porcentaxe significativa das persoas que a sufren. De feito, o informe indica que o 57% das vítimas de acoso en Internet desenvolve aprensión polo medio.
A investigación lembra que as mulleres sofren no plano dixital continuas agresións e delitos contra a súa honra e intimidade, moitas veces por parte de atacantes anónimos, “o que dificulta a súa solución”. Para que nos fagamos unha idea da dimensión do problema, só hai tres anos o 18,4% das mulleres declaraba sufrir acoso sexual online, unha porcentaxe que a día de hoxe é moi probábel que sexa significativamente maior.
Amais, un 15,2% experimentou acoso reiterado por parte da mesma persoa, e delas, unha de cada catro, tivo que soportar comentarios ou propostas inapropiadas en Internet. “A incidencia é maior canto máis novas son, pero hai casos en todas as idades”, sinálase, poñendo o foco nun dos principais obstaculos para combater esta lacra: a súa delimitación. Así, malia que entran dentro desta problemática as ameazas, o ciberacoso, os crimes de odio, as violacións da privacidade e a explotación sexual online, e pese a que o Instituto Europeo de Igualdade de Xénero tivese engadido o ciberhostigamiento e a pornografía non consentido, “non está considerada de forma expresa como unha forma de violencia no ordenamento xurídico nin se definiron tipos penais para considerar delito todas as súas facetas”.
Mulleres que teñen que renunciar á súa vida social en redes
No informe dise que as posibilidades que brinda o anonimato e o desenvolvemento da tecnoloxía dixital, como os softwares espía ou as técnicas deepfake (algoritmos que manipulan a realidade) “son utilizados nalgúns dos ataques”, pero tamén “se produce violencia dixital de xénero dixital con menos complexidade técnica, como, por exemplo, os delitos de grooming (contacto a unha menor de 16 anos con fins sexuais), que en 2020 foron 328 casos”.
Neste Policy Brief sinálase tamén a vulnerabilidade das profesionais que teñen exposición en redes sociais e Internet: “Por exemplo, mulleres en postos públicos ou de responsabilidade (como políticas ou xornalistas), moitas vense obrigadas a pechar os seus perfís en redes sociais; acaban renunciando á súa identidade online, mesmo cando a necesitan para exercer o seu traballo”. No informe dise que esta renuncia, ademais de ter repercusións sociais, pode afectar á súa vida profesional, mesmo ter un custo. O Parlamento Europeo estimouno en até 89.300 millóns de euros para o conxunto da UE.
O estudo tamén aborda as consecuencias psicolóxicas da violencia dixital de xénero. Unha enquisa de Amnistía Internacional rescata que o 54% das mulleres que sofre acoso en redes ten ataques de pánico, ansiedade ou tensión; o 57% xera aprensión polas canles online e un 41% sente ameazada a súa seguridade física. Noutro estudo da ONG Plan Internacional con nenas e mozas recollíase que a un 24% afectoulle á súa autoestima, o 19% comezou a ter problemas coas súas amizades e a súa familia e o 18% tívoos no seu colexio ou instituto.


PUBLICIDADE