Medran as vendas de ordenadores por primeira vez en 6 anos

venres, 13 de xullo do 2018 Marcus Fernández

IDC vén de publicar os seus datos preliminares sobre as vendas de ordenadores tradicionais durante o segundo trimestre de 2018, contabilizando un total de 62,3 millóns de unidades, o que marcaría un crecemento interanual do 2,7%, superando as previsións e converténdose no primeiro crecemento interanual en máis de 6 anos, pois a última vez que aconteceu tal foi no primeiro trimestre de 2012. Estes resultados parecen bastante fiables, xa que outra consultora, Gartner, rexistrou 62,1 millóns de ordenadores vendidos cun crecemento interanual do 1,4% para o mesmo período, ou sexa, que con pequenas variacións chegarían á mesma conclusión.
Dende IDC apuntan que este crecemento na venda de equipos informáticos podería responder principalmente a un segundo trimestre de 2017 extraordinariamente malo, como consecuencia de varios incidentes en compoñentes chave.
O bo destes últimos resultados é que o crecemento dáse tanto en ordenadores portátiles como sobremesa, e tanto na alta gama como na gama baixa, de xeito que as meirandes marcas de ordenadores experimentaron resultados positivos.
En calquera caso, resulta evidente que os ordenadores persoais xa hai tempo que non son os dispositivos principais para o acceso á Internet e para moitos outros usos, de xeito que o seu ciclo de renovación é cada vez máis longo, o que claramente afecta ás vendas, pero seguimos lonxe da profetizada era post-PC, pois os ordenadores continúan a resultar moi prácticos para a produción de contidos e para traballos ofimáticos.

PUBLICIDADE