Medran nun 6% os roubos de produtos electrónicos nas tendas do sector

martes, 10 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A crise, se é que existe e non é simplemente unha das moitas faces do sistema no que nos tocou vivir, non deixa andel do super sen cubrir. Deste xeito, semellan ficar cada vez menos cousas fóra do punto de mira dos que (por razóns de real necesidade ou non) entran no supermercado coa idea de levar produto sen pasar por caixa. A cousa parece que foi mudando ao longo do tempo, como tamén foron mudando os propios hábitos dos grandes espazos de venda. Onde hai anos era impensable meter debaixo do gabán un aparello electrónico, entre outras cousas porque apenas había grandes tendas nin a cantidade de aparellos que hai hoxe, na actualidade o negocio, se é que se pode chamar así, colle pulo. Así o sinala Channel Insider nun estudo sobre o que se paga e o que non se paga (pero se leva) das tendas especializadas: os embutidos e os chocolates, cómpre recoñecelo, están a ceder espazo fronte aos produtos tecnolóxicos.
Entre estes últimos atópanse máis ou menos de todo, pero sempre gardando unhas normas mínimas de tamaño e transportabilidade: xogos de consola, DVDs, reprodutores MP3 ou teléfonos móbiles. Deste xeito os grandes negocios de venda de material dixital experimentaron un medre de roubos de até o 6%, constituíndo un custe para o sector de 2.421 millóns de euros, cantidade que vai alén da cifra de perdas do ano anterior.
Con todo, que ninguén se leve a engano: quen non traballa as tendas especializadas segue a ser o prototipo de ladrón medio, pero cómpre sinalar que cada vez se abre máis camiño un novo tipo de mangante: o traballador da propia empresa. Este tipo de roubos representa a día de hoxe o 28,4% das desaparicións de produtos.

PUBLICIDADE