Melide celebrará unha xornada sobre radio libre

mércores, 21 de outubro do 2015 Redacción

O vindeiro venres terá lugar no IES de Melide, a I Xornada de Radio Libre, encontro que recollerá charlas para falar do mundo da radio, e obradoiros para amosar as posibilidades do software libre á hora de gravar, producir ou difundir música e contidos radiofónicos.
A entrada é libre e de balde, recomendándose aos interesados en participar que o comuniquen previamente por correo electrónico á organización do encontro.
A xornada que comeza ás 9:00 horas, está organizada en sesións de tarde e mañá, e consta dun programa que podemos consultar íntegro en liña e que conta con diferentes actividades para diferentes públicos (tanto xuvenil, como para adultos) como as seguintes:
- Charla sobre o uso das licenzas libres para publicar contidos, relator Rafael R. Gaioso.
- Diferentes obradoiros de iniciación radiofónica, impartidos por Laboratorio de Radio
- Primeiros pasos con Ubuntu Studio e AV Linux, relator Jorge Lama.
- Pechará a xornada o obradoiro “Facendo música con software libre”, impartido por Miguel Ángel Rodríguez Muíños.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e MeLiSA para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2015.

PUBLICIDADE