Meta lanzará en breve unha nova versión do seu modelo de linguaxe

martes, 9 de abril do 2024 Marcus Fernández

Meta celebrou hoxe unha xornada sobre intelixencia artificial en Londres, onde confirmou o inminente lanzamento da nova xeración do seu modelo de linguaxe, LLaMa 3, que podería chegar o mes que vén (aínda que hai informes que apuntan a que xa estaría dispoñible a vindeira semana).
LLaMa 3 será un modelo máis ambicioso que os anteriores, buscando potenciar Meta AI para converterse nun asistente moi práctico, que está previsto que remate chegando non só aos servizos de Meta, senón tamén a dispositivos como os visores Meta Quest e as lentes Ray-Ban Meta, facendo que estean ao alcance dos usuarios de xeitos innovadores.
Espérase que a nova versión de LLaMa avance na multimodalidade para ser capaz de entender cada vez mellor o que nos rodea, o que suporá unha importante evolución do xeito de empregar a intelixencia artificial para tarefas do noso día a día.

PUBLICIDADE