MeteoGalicia renova a súa páxina web abríndoa á personalización por parte do usuario

mércores, 30 de setembro do 2009 Redacción

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou as instalacións de MeteoGalicia.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou esta mañá o novo portal web de MeteoGalicia, nunha visita á sede central do organismo na que aproveitou para coñecer de preto as instalacións e saudar aos profesionais que traballan na axencia galega de meteoroloxía.
O novo espazo web incorpora importantes novidades co obxectivo de mellorar a súa navegabilidade e ofrecer aos usuarios mais información, novas ferramentas e servizos e unha distribución dos mesmos mais personalizada, podendo o usuario organizar a páxina de inicio segundo as súas preferencias.
Hernández destacou que MeteoGalicia actualiza os contidos da web para adaptar a páxina aos novos retos tecnolóxicos. O novo portal estivo exposto a consulta pública durante uns meses, ao longo dos cales os usuarios mandaron diversas suxestións que foron incorporándose.
A nova web incorpora os elementos principais de MeteoGalicia baseados na predición diaria e os datos en tempo real da rede de observación meteorolóxica e oceanográfica. Unha das novidades mais salientables reside en permitir a súa configuración polo usuario, o que lle posibilitará ter os produtos de predición dispoñibles inmediatamente sen necesidade de buscalos. Asemade, tense configurado un servidor RSS para que o cidadán poida recibir subscricións aos diferentes servizos de MeteoGalicia, co cal se pode compartir a información e usala noutros sitios web ou programas.
Outra das melloras importantes consiste nun sistema de alertas por adverso meteorolóxico en forma de mapas con cores por concello, que indicarán a gravidade do fenómeno para os próximos dous días, distinguindo o tipo de fenómeno meteorolóxico, como vento, choiva, neve, xeadas, tormentas ou temperaturas altas e baixas.
Tamén mellórase a predición a medio prazo para os próximos 10 días, incluíndo a predición por localidades, o que permite unha maior territorialización da información meteorolóxica.
Outra innovación que se incorpora nesta páxina é unha serie de novos produtos derivados do satélite Meteosat (isóbaras, índices de risco de incendios, niveis de irradiación solar, temperatura da auga...) así como unha publicación dos mesmos que pasa de ser cada 6 horas a ter dita información cada 15 minutos.

PUBLICIDADE