MeteoGalicia renova a súa páxina web

martes, 17 de outubro do 2023 Redacción

MeteoGalicia, organismo que presta servizos de observación e predición desde o ano 2000, vén de renovar a súa páxina web para facela máis accesible e moderno grazas a unha serie de melloras tecnolóxicas e visuais que axilizarán as consultas desde todo tipo de dispositivos, mellorando así a experiencia e o servizo que reciben os máis de 7.000 usuarios diarios que ten na actualidade.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no acto de presentación da nova páxina, ao que asistiron tamén a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o director da AMTEGA, Julián Cerviño, organismo que xestionou a renovación do portal en colaboración co persoal de Meteogalicia e que proporciona a infraestrutura tecnolóxica para darlle soporte.
Concretamente, a renovación acometida abrangue a páxina principal da axencia meteorolóxica que dá acceso á información dispoñible en liña, así como os apartados dedicados a predición, calidade do aire, formación e publicacións, nos que se introduciron melloras tanto desde o punto de vista da presentación dos contidos como a través de visores que fan máis accesible e doada a consulta.
Está previsto completar o proceso de actualización da páxina web nos vindeiros meses cunha segunda fase na que se acometerá tamén a adaptación ao novo formato dos apartados restantes, é dicir, observación, clima e modelos numéricos.
O obxectivo é seguir mellorando e optimizando un servizo en liña do que se beneficia xa unha media de máis de 7.000 persoas diferentes cada día e moi estendido entre a cidadanía galega. Así o indican as últimas estatísticas relativas ao tráfico que soporta, xa que só o ano pasado esta web recibiu máis de 56.000 accesos diarios.
MeteoGalicia leva xa máis de dúas décadas presente na Internet e a súa páxina é, a día de hoxe, a máis visitada de toda a Xunta. De feito, se no ano 2005 a paxina web deste organismo rexistraba 2 millóns de visitas anuais, nestes momentos a cifra supera os 62 millóns, un crecemento que pon en evidencia a importancia e a popularidade que ten este servizo entre os galegos.

Sagrario Pérez, Ángeles Vázquez e Julián Cerviño participaron na presentación da nova páxina web de MeteoGalicia

PUBLICIDADE