MexilOnseTuits destacará o mellor en marketing en medios sociais

xoves, 3 de maio do 2012 Marcus Fernández

O Morrazo quere abrirse ás redes sociais presentes na Internet, e como estandarte desta vocación o vindeiro 9 de xuño terá lugar en Bueu un Festival Social Media de Galicia que leva por nome MexilOnseTuits, e que busca ser un punto de encontro para o networking, onde empresas e emprendedores poidan compartir ideas e contribúan á creación de sinerxías para futuros traballos.
Como eixe deste encontro teremos os Premios Galegos do Marketing en Medios Sociais, que nacen para galardoar os mellores traballos galegos de marketing nas plataformas de comunicación social como Facebook, Twitter, blogs, YouTube... co fin de promocionar experiencia de éxito. Os premios repártense en 10 categorías distintas nas que buscan destacar blogs (gastronómicos, de turismo, informativos e de moda), campañas, axencias galegas e, para unha maior proxección, tamén se incluirá unha mención especial a unha campaña feita no territorio español.
A inscrición a estes premios está aberta ata o vindeiro día 25 a través dun formulario web. Tamén é preciso inscribirse para asistir ao evento, sendo preciso o pagamento de 15 euros (no caso de notificar a asistencia antes do 16 de maio) o que inclúe unha comida degustación e actividades programas para o serán.

PUBLICIDADE