Microsoft anuncia novidades para Windows 10 e novos servizos intelixentes

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Microsoft abriu hoxe o encontro Build 2016 cunha presentación retransmitida globalmente a través de streaming, e que serviu para anunciar as versións preliminares dos novos servizos da compañía, dar a coñecer Conversations as a Platform (froito da integración de Azure, Office 365 e Windows), amosar detalles da actualización de aniversario de Windows 10 e adiantar detalles do seu novo SDK, deixando claro que a compañía de Redmond non quere quedar atrás na carreira da innovación, para o que ten moi en conta o rol dos desenvolvedores (aos que vai dirixido o evento que desenvolverase até o vindeiro venres).
O máximo responsable de Microsoft, Satya Nadella, amosou as melloras que chegará a Cortana, á vez que anunciou versións preliminares de novos servizos na nube e conxuntos de ferramentas deseñados para comprender mellor o mundo que nos rodea e crear bots.
O vicepresidente executivo de Windows e Dispositivos, Terry Myerson, fon o encargado de anunciar a Windows 10 Anniversary Update, que ofrecerá interesantes novidades a consumidores e desenvolvedores grazas á Universal Windows Platform, que busca “facer de Windows o contorno de desenvolvemento máis produtivo para todos os desenvolvedores”.
Entre os servizos na nube que ofrece Microsoft aos desenvolvedores destaca Cortana Intelligence Suite, que integra as últimas innovacións do Big Data, o machine learning, a percepción, a análise e os bots intelixentes, que susténtase na infraestrutura de Azure e facilita que desenvolvedores e empresas poidan desenvolver novas solucións intelixentes que permitan a interacción con persoas dun xeito intelixente e natural.
A versión preliminar de Cortana Intelligence Suite inclúe funcións como os Microsoft Cognitive Services (colección de API intelixentes que permiten aos sistemas ver, escoitar, falar, entender e interpretar as nosas necesidades mediante métodos naturais de comunicación) e a Microsoft Bot Framework (plataforma que pode empregarse para construír bots intelixentes cos que os clientes poderán interactuar empregando linguaxe natural e que podería aplicarse a plataformas de comunicación como mensaxes de texto, Offiice 365, Skype...).
Nesta liña Microsoft presentou a Skype Bot Platform, que facilita a construción de bots que aproveiten as múltiples formas de comunicación de Skype, incluíndo texto, voz, vídeo e personaxes 3D interactivos, podendo os usuarios comezando a ter contacto con estes bots coas últimas versión de Skype para Windows, Android e iOS, estando xa dispoñible esta plataforma para os programadores dende hoxe.

Novidades para Windows 10

Os responsables de Microsoft tamén amosaron a súa satisfacción por ver a boa acollida que está a ter Windows 10, que xa está funcionando en 270 millóns de dispositivos, superando a acollida de Windows 7 nun 145%, e aproveitaron a ocasión para anunciar que Facebook, Messenger e Instagram están a ultimar as súas aplicacións universais para Windows 10.
No verán viviremos o novo capítulo de Windows 10, coa súa actualización de aniversario, que ofrecerá innovacións para Windows Ink, Cortana, Windows Hello e o apartado de xogos. Así, se temos un lapis dixitalizador, podemos traballar co noso equipo aproveitando Windows Ink para que a pantalla funcione como se fose un papel, creando notas tipo post-it, debuxando sobre un encerado branco e podendo compartir pensamentos dun xeito dixital. Pola súa banda, Cortana permitiranos recibir comunicacións de xeito proactivo ao longo do día falando co asistente, incluso co dispositivo bloqueado, mentres que Windows Hello estende a seguridade de Windows 10 a múltiples dispositivos e a Microsoft Edge (achegando niveis de seguridade empresarial a dispositivos e páxinas web).
No ámbito dos xogos temos que a Xbox One tenderá pontes a Windows 10 (espérase que en xuño coñezamos máis detalles co gallo da feira E3), e tamén permitirá activar o novo Xbox Dev Mode, de xeito que calquera consola doméstica de Microsoft poderá funcionar como se fose un kit de desenvolvemento, facilitando así que os creadores de xogos poidan iniciar os seus proxectos cunha consola normal e corrente (en vez de empregar unidades especiais).
Tamén aproveitaron a celebración de Build 2016 para anunciar a entrega da primeira edición de desenvolvemento das HoloLens de Microsoft, solución que facilita o desenvolvemento de solucións que mesturan a realidade aumentada coa realidade virtual, no que Microsoft define como computación holográfica, e que abre a porta a un xeito de integrar elementos virtuais no noso contorno a xeito de hologramas virtuais.

Novas ferramentas para desenvolvedores

Pero para a meirande parte dos desenvolvedores presentes no evento resultaron de máis interese outros anuncios, como a integración da liña de comandos de Bash en Windows 10, con acceso ao sistema de ficheiros de Windows e a ferramentas de código aberto (funcionalidade desenvolvida en colaboración con Canonical, compañía detrás de Ubuntu); o novo conversor de aplicacións de escritorio para Project Centennial facilitará que os desenvolvedores de Win32 e .NET poidan portar de xeito sinxelo máis de 16 millóns de aplicacións á Universal Windows Platform (para así distribuílas a través da Tenda de Windows); e Xamarin tamén amosou a súa ferramenta de desenvolvemento en .NET para compartir código común dunha aplicación a través de aplicacións para Windows, iOS e Android, mantendo características e experiencias nativas de cada plataforma (o que facilita e abarata o desenvolvemento multi-plataforma).

Grandes ausencias

Un detalle moi rechamante da xornada de hoxe foi a práctica marxinación da versión móbil de Windows 10, polo que practicamente pode darse por esquecida a plataforma Windows Phone, xa que en todo momento, ao falar de dispositivos móbiles, enunciábanse facilidades para chegar a iOS e Android, pero o sistema propio de Microsoft nin se mencionaba. Tendo en conta que Microsoft está a apostar polas aplicacións universais, que poden funcionar de xeito versátil en ordenadores, tabletas, consolas de videoxogos e outros dispositivos, resulta rechamante que deixasen pasar a oportunidade de potenciar o seu uso no móbil, o que parece atender principalmente á falta de resolución de Mcrosoft, xa que o pulo de Windows Phone 8.1 non se mantivo coa versión móbil de Windows 10, que chegou con moitos meses de retraso e nun estado moi pouco maduro, o que provocou unha colosal perda de oportunidades.
Outra tecnoloxía que agora está en boca de todos, e que Microsoft parece ignorar, é a realidade virtual, pois nun ano no que Facebook, Google, HTC, Valve e Sony están a presentar produtos e servizos orientados a esta tecnoloxía emerxente, non parece razoable que o principal axente do desenvolvemento de software para PC actúe con indiferenza, especialmente cando ten unha plataforma de videoxogos como Xbox One que debería buscar algún xeito de competir con PlayStation VR.

PUBLICIDADE