Microsoft anuncia o seu primeiro sistema operativo para navegadores GPS

martes, 17 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Microsoft presentou o Windows Embedded NavReady 2009, o que sería o seu primeiro sistema operativo orientado a dispositivos de navegación GPS e que inclúe Live Search coma buscador predeterminado (tanto para páxinas web como para lugares de interese) sendo capaz tamén de sincronizarse con MSN Direct (servizo dispoñible nos EE.UU.) para obter as últimas novidades do estado do tráfico.
Os equipos con NavReady 2009 tamén poderán conectarse a móbiles Bluetooth para acceder á axenda de contactos ou á música almacenada nos mesmos, aínda que unha das opcións máis orixinais sería a posibilidade de utilizar estes dispositivos GPS en combinación con equipos con Windows Vista a través da tecnoloxía SlideShow (ou sexa, que se aproveitaría a pantalla do trebello para amosar información ou mesmo para interactuar con contidos no equipo informático).
Tras esta presentación agárdase que distintos fabricantes adopten esta nova plataforma para os seus navegadores, podéndose estar listos os primeiros dispositivos con NavReady antes de rematar o ano.

PUBLICIDADE