Microsoft anuncia os primeiros estudios independentes que están a facer xogos para Xbox One

mércores, 4 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Coa presentación inicial da Xbox One desatouse certa polémica porque parecía que Microsoft ía deixar aos estudios independentes fóra da nova xeración das súas consolas, limitando a súa participación a unha serie de partners seleccionados, pero finalmente mudaron de rumbo e confirmaron que van contar cun programa para desenvolvedores que comeza a dar os seus primeiros pasos, existindo xa os primeiros usuarios activos en ID@Xbox.
Dende ID@Xbox aseguran que xa hai centos de desenvolvedores interesados en participar no programa, e estes poderán gozar de grandes vantaxes como o feito de que a plataforma de desenvolvemento Unity será de balde para Xbox One e calquera consola comercial poderá empregarse como sistema para o desenvolvemento (non sendo preciso adquirir unha consola especial para tal fin como en consolas anteriores).
O programa de desenvolvemento independente está a avanzar paseniño, atendendo só unhas poucas solicitudes, para ter controlado o despregamento da plataforma de xogos de Xbox One, por fin desvelan algúns dos primeiros estudios indie que están a traballar coa nova consola de Microsoft, como os xaponeses iNis e Comcept (os mesmos que están detrás de Mighty No. 9); estudios con certo renome como Crytek (Crysis), Double Fine (Psychonauts), Zen Studios (Pinball FX), HalfBrick (Jetpack Joyride), Nicalis (Cave Story) ou Team 17 (Worms); e moitos outros pequenos grupos de desenvolvemento aos que sumaranse moitos máis unha vez que esta plataforma estea madura, e acepten practicamente calquera proxecto que poida achegar a innovación á Xbox One dun xeito que só podería facer un estudio cativo.

PUBLICIDADE