Microsoft celebrará un festival para os seareiros de Xbox

venres, 11 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft anunciou que a comezos do mes de novembro vai celebrar o FanFest Xbox 2015, unha oportunidade exclusiva na que 4.000 seareiros poderán coñecer e probar os xogos máis importantes de Xbox para o Nadal, para o que abrirán as portas das súas oficinas de Madrid, permitindo que os asistentes poidan comprobar en primeira persoa o que é o mellor catálogo de lanzamentos da historia de Xbox.
No FanFest Xbox 2015 poderanse coñecer xogos exclusivos como Halo 5: Guardians, Gears of War: Ultimate Edition, Forza Motorsport 6, Rise of the Tomb Raider ou Quantum Break, entre outros xogos que completan o que non só é o mellor catálogo na historia de Xbox, senón tamén o mellor cadro de títulos para a campaña de Nadal do presente ano, cando Microsoft conseguiu superar sobradamente os lanzamentos de Sony, buscando así mellorar posicións fronte a PlayStation 4, que arrincou con moita forza na nova xeración de consolas.
Os asistentes ao FanFest poderán participar en sortes e competicións, e gañar premios, así como gozar de moitas outras sorpresas, recomendándose aos interesados en participar a que estean atentos á conta de Twitter de Xbox España.

PUBLICIDADE