Microsoft denuncia que Google impide o desenvolvemento dunha aplicación digna de YouTube para Windows Phone

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

A aplicación actual de YouTube para Windows Phone limítase a remitir á versión web móbil do servizo por culpa dos atrancos postos por Google

Cando botamos man a un móbil con Windows Phone pode sorprendernos o feito de que a aplicación de YouTube é simplemente un atallo á versión web móbil do servizo de vídeo de Google, o que supón un importante atranco para o sistema operativo móbil de Microsoft, posto que actualmente as aplicacións completas de YouTube están entre as máis descargadas en terminais con iOS e Android, de aí que decidiran desenterrar a machada de guerra e denuncien que é Google quen está a negar o acceso á API de YouTube a Windows Phone, o que claramente é unha práctica anti-competitiva, o que sorprende nun momento no que tanto en EE.UU. como en Europa teñen a lupa posto neste tipo de comportamentos.
Microsoft xa denunciou as prácticas anti-competitivas de Google en 2010 e continuou a facelo en varias ocasións durante os últimos anos, destacando especialmente o feito de que usuarios de iOS e Android poden gozar dunha aplicación de YouTube que permita buscar por categorías de vídeo, ver puntuacións e gozar doutras prestacións imposibles en Windows Phone porque Google bloquea o acceso aos metadatos de YouTube aos móbiles de Microsoft.
Agardemos que durante 2013 dende Google cambien a súa actitude, que resulta especialmente rexeitable por producirse nunha compañía que era coñecida inicialmente polo lema de “Don’t Be Evil”.
ACTUALIZACIÓN: Dende Google deféndense das acusacións asegurando que os usuarios de Windows Phone poden gozar totalmente de YouTube a través da súa versión web móbil, o que contrasta claramente co anuncio de numerosas aplicacións nativas para móbiles con iOS e Android, incluíndo as de Google, nas que sostense que o paso destas ferramentas a código nativo supón unha mellora substancial no seu rendemento e na experiencia de uso achegada aos usuarios finais. Tamén podemos lembrar que tras a retirada das aplicacións de YouTube e Google Maps de iOS, dende Google buliron para preparar aplicacións nativas para o iPhone en vez de remitir aos seus usuarios ás versións móbiles de ambos servizos.

PUBLICIDADE