Microsoft di que o 61% dos computadores con software pirata está infectado por software malicioso

mércores, 30 de abril do 2014 Redacción

Microsoft desvelou este martes 29 os resultados dun estudo desenvolvido pola consultora IDC e a Universidade de Singapur (editado en pdf) no que se calcula que este ano en curso as empresas gastarán preto de 491.000 millóns de dólares por problemas se seguridade ligados á presenza de software malicioso (malware) presente en software pirateado (que non libre, moito ollo, senón copiado e distribuído de orixinal protexido e privativo e sen pago previo). O estudo auspiciado por Microsoft, unha nova tentativa da compañía a prol de fortalecer as vendas legais dos seus produtos, baséase en palabras do xigante de Redmond no seguinte feito incontestábel: non hai maneira de defender dos ataques aos usuarios de software privativo se non é con software auténtico e coas actualizacións que del se derivan.
Segundo engade a compañía, “é moi importante que os usuarios e compañías dispoñan de programas legais nos seus equipos, que lles permita previr e evitar perdas económicas e danos na súa imaxe”. Entre as principais conclusións que se desprenden do estudo, realizado por IDC e a Universidade Nacional de Singapur a nivel mundial, a empresa salienta tamén a seguinte: os consumidores e as empresas teñen unha posibilidade entre tres de ter que enfrontarse á presenza nos seus sistemas de malware, asociado á instalación de software pirata nos seus equipos ou a través da compra de PCs con software pirata preinstalado. Ademais, IDC e Microsoft calculan quen da devandita cifra de gasto de 491.000 millóns de dólares, 127.000 millóns de dólares irán destinados a xestionar problemas de seguridade e 364.000 millóns de dólares para manexar a exposición de datos privados e brechas de seguridade. Por outra banda, tamén se di que o 30% das persoas que recoñecen usar software pirata, sofren problemas de seguridade.
Para realizar o estudo, a Universidade de Singapur instalou programas ilegais en 203 computadores novos. A raíz disto, detectouse que o 61% dos equipos atopábase infectado por troianos, vermes, virus, rootkits ou adware. Ademais, a investigación de IDC achou que o 27% dos traballadores enquisados instala decote software nos dispositivos das súas empresas sen o coñecemento nin a supervisión destas, “o que incrementa o risco de infección por malware nos sistemas corporativos”.

PUBLICIDADE