Microsoft estrea a versión preliminar de Windows 8.1

mércores, 26 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Windows 8.1 poderá funcionar incluso en pantallas de menos de 8 polgadas

Dentro do evento para desenvolvedores BUILD organizado por Microsoft en San Francisco realizou se a presentación dunha versión anticipada da vindeira actualización de Windows 8, que responde ao nome de Windows 8.1 Preview, e que pode xa instalarse de balde en calquera equipo con Windows 8, aínda que cómpre destacar que estamos ante unha versión preliminar que pensada para usuarios con certa experiencia e non recomendada para equipos en explotación (aparte de poder presentar problemas aínda non detectados, podemos advertir de que polo momento non está dispoñible en galego, de xeito que teremos que agardar á versión definitiva desta actualización para poder conservar a nosa lingua no escritorio informático).

Antoine Leblond amosou algunhas das prestacións de Windows 8.1 durante o BUILD 2013

A actualización de Windows 8 supón unha renovación do seu deseño a múltiples niveis, que resultan visibles dende o primeiro momento na composición do menú de inicio (que agora conta con iconas de 4 tamaños distintos e pode compartir imaxe de fondo co escritorio tradicional do equipo, creando unha interface máis homoxénea, ou optar incluso) e recuperando o botón de inicio na barra de tarefas do escritorio (aínda que cun comportamento moi diferente ao do botón de inicio de Windows 7). Un detalle que agradecerán moitos usuarios é que premendo co botón dereito do rato no novo botón de inicio é posible acceder a unha serie de atallos moi prácticos, entre os que figura o apagado do sistema (función que para os novos usuarios de Windows 8 resultaba difícil de atopar).

Julie Larson-Green amosa a integración de Skydrive na versión preliminar de Windows 8.1

Outros cambios destacables en Windows 8.1 é unha integración moito máis profunda de SkyDrive (que incluso está presente no menú de configuración de Windows, onde axustar a súa sincronización e poder ver graficamente o uso deste espazo de disco en liña), fai posible iniciar sesión directamente no escritorio clásico, integra numerosas opcións de edición de imaxe (incluíndo a aplicación de filtros con efectos), incorpora soporte para impresoras 3D, posibilita que as aplicacións adquiridas a través da Tenda gocen de actualizacións automáticas (sen intervención do usuario) e moitas outras melloras de menor entidade. Case sorprende que en vista de tantas modificacións dende Microsoft non optasen por chamar Windows 8.5 a esta actualización, o que pode dar a entender que Windows 9 aínda tardará bastante en chegar, e que Microsoft quere antes consolidar Windows 8 limando o rexeitamento inicial de moitos usuarios ao grande cambio que este sistema está a supor.
Durante a presentación do futuro Windows 8.1 tamén amosáronse novas aplicacións adaptadas á interface do novo sistema operativo de Microsoft, como Facebook, Flipboard e incluso un futuro Office do que aínda non se ten previsión do seu lanzamento, pero que suporía unha importante adaptación de tal ferramenta ás cada vez máis presentes interfaces táctiles, indo máis aló do que ofrece actualmente o Office para Windows RT.
Windows 8.1 tamén fai máis atractiva a súa tenda de aplicacións e adáptase para poder funcionar en pantallas de pouco tamaño (incluíndo as de menos de 8 polgadas) polo que cada vez terá máis presenza multiplataforma e, nesa mesma liña, quixeron destacar a fortaleza que está a acadar Windows Phone (e para animar ao desenvolvemento para os móbiles co sistema operativo de Microsoft permiten agora, e por tempo limitado, rexistrarse como desenvolvedor por só 17,25 euros).


Vídeo de presentación da versión preliminar de Windows 8.1

PUBLICIDADE